Nerea Pallares gaña o Premio García Barros de Novela

A súa obra obtivo o voto unánime do xurado que a define como "refrescante, poderosa, pousada e brillante"

A súa obra obtivo o voto unánime do xurado que a define como
A obra presentada co lema 'Das arañas brancas' tras do que está a escritora Nerea Pallares Vilar (Lugo, 1989) ven de gañar o XXXVII Premio de Novela Manuel García Barros. O xurado acordou por unanimidade a decisión e trasladou publicamente o seu entusiasmo ante o texto e profundo convencemento de estaren ante unha proposta literaria "refrescante, poderosa, pousada e brillante". O xurado escolleu a peza escrita por Nerea Pallares despois de teren lido case medio cento de orixinais. O galardón do certame impulsado polo Concello da Estrada coa colaboración de Editorial Galaxia inclúe unha dotación económica de 9.000 euros.

Na novela gañadora faise unha importante reivindicación do poder feminino e do papel da muller na sociedade, "dende as meigas ata as tiktokers", detallaron os compoñentes do xurado. Afondaron en que ofrece ao lector un xogo interxeracional entre o pasado e o presente. "É unha revolta das mulleres e un apoderamento feminino". A novela arranca cunha morte ante a que o conxunto dunha patriarcalizada sociedade non responde. Son as mulleres as que toman a iniciativa, nunha "verdadeira revolta comunal dende a tradición á modernidade". O fallo refírese á obra coma "unha novela coral ambientada en Camariñas, na Costa da Morte, que entrelaza realismo social, memoria colectiva e elementos mitolóxicos para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro". Segundo trasladan da novela premiada, "ganduxada como unha nova Lisístrata, co mito de Aracné sempre ao fondo, esta narración abraia polo tratamento de temas como a transmisión interxeracional, a resiliencia, a sororidade, a violencia patriarcal, a precariedade laboral e a importancia dos coidados. A estrutura fragmentaria, a multiplicidade de voces e rexistros (do coral ao poético e do realista ao mítico) e a presenza constante do mar e do encaixe como metáforas do entrelazado das vidas e dos destinos, fan da novela unha peza de gran riqueza literaria e simbólica, tecida co máis fulgurante palillado de palabras", recolle o xurado.