Xesús Constela gaña o Premio García Barros de Novela da Estrada

A novela é unha metáfora burlesca da literatura

O escritor ferrolán Xesús Constela ven de resultar gañador do XX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) do Concello da Estrada ao acadar coa obra “Á espera do lusco fusco” a maioría dos votos do xurado. O galardón ten unha dotación de 9015 euros e a publicación da obra na editorial Galaxia. Segundo o fallo do xurado a novela gañadora é especialmente valorable por tratarse dun monólogo narrativo, escrito cunha linguaxe coloquial que utiliza recursos rítmicos como a repetición con fins paródicos. A novela é unha metáfora burlesca da literatura que pon en entredito a ficción tradicional como convención e xoga coa tradición literaria de Shakespeare e Cervantes a Blanco Amor, para acabar constituíndo un divertimento en busca da liberdade literaria e da esencia da escrita. Constela gañou o Premio Torrente Ballester de 2003 co seu primeiro libro “As humanas proporcións”.