O domingo 25 de xuño Luís Davila recolle o Premio Trasalba. A distinción que outorga a Fundación Otero Pedrayo recae por vez primeira nun humorista gráfico e pon de relevo unha figura que comezaba a súa carreira hai un cuarto de século. Desde aquela, o universo de Davila constituíse como referente para toda unha xeración da poboación galega, cunha influencia que chega moi para alén da prensa.
Hai 25 anos, en 1998, comezaba a súa andaina no xornal Faro de Vigo un cadriño cómico que acadou neste tempo o status de clásico na prensa galega e que transcendeu con moito o impacto doutras publicacións deste tipo no noso país. O bichero, do morracense Luís Davila, marcou ao longo deste tempo un xeito de entender o país e a súa xente. Neste 2023 o galardón co que a Fundación Otero Pedrayo recoñece anualmente "unha persoa ou institución que se teña salientado na defensa e espallamento na lingua e a cultura galega" foi para el, a premiar un humorista gráfico por vez primeira en 41 anos de historia. Segundo explica Susana Reboreda, membro da Xunta de Goberno da Fundación, Davila "reúne todos os requisitos" para merecer o galardón. Desde a entidade salientan, no fallo desta edición, a "implicación na defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego" así como "a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas" que realiza. Segundo Reboreda, o traballo de Davila "ten unha perspectiva social e cultural da mentalidade galega que cativa. Ten calada a idiosincrasia do país e abórdaa desde un punto de vista moi respectuoso, próximo e real".
Referente
Coincide nos méritos do autor, cimentados nun importante éxito de público, o actor Carlos Blanco, que lerá a laudatio na celebración. "Penso que é un referente xeracional, un cronista da súa época. A repasar os traballos de Davila podemos percorrer perfectamente o acontecido nos últimos 25 anos en Galicia, e co mellor humor posible", apunta. Coma el, Félix Caballero, investigador do humor gráfico en Galicia e autor de obras como Xaquín Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, ou os dous volumes de O humor en cadriños entre outras, non dubida en apuntar que o flamante premio Trasalba "é sen dúbida é o humorista gráfico non do momento senón das últimas décadas". Ademais salienta que, xa desde o comezo da súa carreira, "conseguiu un éxito e unha popularidade moi grande. Converteuse nun auténtico clásico contemporáneo e nunha icona popular que vai moi para alén do humor gráfico na prensa". Como claves do traballo do morracense, este investigador apunta o tratar "un humor moi cómico e popular, que xorde fundamentalmente do choque entre a modernidade e a tradición e que sabe tratar moi ben, con elementos moi representativos do mundo moderno no corazón do rural. Logo é moi irónico, penso que se atopa tamén moita sorna, mais do que retranca, nos seus cadriños. E hai unha crítica social detrás".
Os comezos
A repasar este cuarto de século de traballo, Davila fai unha valoración "moi positiva" da que xa é unha longa carreira. "Este traballo dáme moitas alegrías, recibo un feedback moi positivo da xente", de xeito que "estou supercontento da profesión que me tocou, algo accidentalmente, porque aínda que sempre debuxei, nunca contara con ser humorista gráfico. Comecei con moita ilusión pero sen moita confianza en que cousas fosen saír ben", explica. De feito, a súa relación laboral no Faro do Vigo comezou no departamento de maquetación. Segundo recoñece, "cando no 98 me encargaron un cadriño diario, ao ver que me gustaba debuxar, eu era consciente do compromiso que adquiría. Ter que contar cada día a actualidade desde a miña visión non é unha tarefa doada, pero aos poucos as historias foron saíndo e conseguiron cada vez máis acollida entre os lectores" salienta. A edición comarcal do Morrazo foi a que inaugurou o que sería o universo de Davila. A esta seguírona novos espazos nas delegacións do Deza, Ourense e Vigo, o que obrigou ao autor, durante preto dun ano, a realizar catro cadriños diferentes cada día. "Naquel momento falaba cada día de aspectos locais de cada unha das comarcas", lembra.
Este traballo en edicións comarcais é considerado polo autor toda unha escola de formación. "Foi como facer o servizo militar. Permitiume empaparme desas realidades tan diferentes pero ao tempo moi similares" explica. Para el, independentemente do marco xeográfico, dentro do país "ao final móvennos as mesmas cousas e a tradición está presente en todos os lugares. Pode mudar o punto de vista entre a xente do interior e a da costa, pero a problemática dunha explotación gandeira de Silleda ten moito que ver coa reivindicación dun mariñeiro de altura de Vigo ou da xente da baixura e do marisqueo do Morrazo, que tamén viven o día a día do sector primario". Finalmente, o paso á edición galega do Faro de Vigo permitiulle ao autor "xuntar todas esas idiosincrasias locais nun só cadriño. Aí puiden pór toda a carne no asador para contar como penso que percibimos a vida os galegos" ao tempo que "axudou a abrir moito o abano de temas a tratar".
O diálogo coa modernidade
Para Félix Caballero, entre as claves do traballo de Davila está que "sabe reflectir moi ben a idiosincrasia de todo un pobo que se ve reflectido no seu traballo. Hai unha empatía mutua que penso que ten que ver con xeito no que pon a dialogar o rural e o urbano, a tradición e a modernidade, ou a natureza coa tecnoloxía máis punteira. Faino dun xeito extraordinario", apunta. O propio debuxante coincide nesta perspectiva ao sinalar que leva os seus personaxes "a situacións nas que conviven coa tecnoloxía ou con personaxes do cinema ou do cómic. Confrontar eses dous mundos ás veces antagónicos é o que xera situacións humorísticas". Segundo lembra Caballero, "xa Quesada no seu tempo facía algo similar, pero no caso de Davila resulta moi interesante porque a sociedade galega mudou moito nos últimos 50 anos. Se antes era predominantemente rural, agora defínese como plenamente urbana, aínda que o rural e a tradición continúan a ter un peso moi especial. Entón aparece Davila e pon a dialogar estes dous mundos".
Na aposta por retratar un mundo rural, mariñeiro ou rururbano na maior parte dos seus traballos, Davila ten claro que "esa raíz é fundamental no meu traballo. Partimos desa xente e é así como somos. Temos unha Galicia urbanita, pero ese país ten a súa familia nas aldeas e nos pobos, mantén unha raíz que é coa que eu traballo". Nestes contrastes, no entanto, evita ridiculizar os habitantes do rural. "A reacción destes personaxes ante esa modernidade que chega é moi interesante. Vese unha reacción moi intelixente, na liña de aproveitar e adaptar as cousas que é propia da cultura tradicional. Malia a eses choques coa modernidade que chega ao rural, coas tablets, os drones ou as cámaras de vixilancia, a aldea recibe todo iso e sabe integralo de xeito efectivo", explica Caballero.
O coñecemento da sociedade
Canda a ese contraste, Davila salienta a familiaridade das historias que propón nos seus traballos. "Moitas son situacións cotiás, nas que todos nos vemos envoltos, ou desenvólvense en localizacións moi familiares que os lectores están acostumados a ver", apunta como unha das claves da súa conexión co público. Nese mesmo sentido, Carlos Blanco salienta que "as peculiaridades da obra de Davila están, penso, no seu profundo coñecemento da realidade do país, na súa enorme capacidade de síntese imprescindible para a mensaxe dunha viñeta, no seu trazo limpo e colorido e no afán por contribuír a aumentar a nosa autoestima como pobo, algo moi necesario por outra parte". Sobre ese coñecemento, o autor sinala que "en parte é pola miña propia experiencia persoal. Eu vivo no rural e hai cousas que vexo no día a día e que logo acaban por se envorcar na tira", apunta.
Mulleres e idades
Dentro desa aproximación á sociedade galega, nas obras de Davila destaca o tratamento da figura feminina. Segundo apunta Caballero, "ten personaxes como esa Dora Desbrozadora que, como el mesmo ten dito, son unha metáfora da importancia da muller na sociedade galega, tanto na tradicional como na moderna", salienta. De xeitoi similar, en Davila tamén se atopa unha defensa das capacidades da xente maior, que protagoniza moitas das súas ilustracións. "Nestes personaxes atopo autenticidade. Hai aí moita sabedoría e experiencia, e ao transmitir mediante eles o que eu quero dicir penso que achegan verdade ao mensaxe", explica. Segundo Caballero, o morracense "reflicte a realidade dos habitantes do mundo rural actual, onde o máis representativo é unha señora ou un señor de idades provectas. Estes personaxes producen moita tenrura, están tratados con cariño e xeran en nós ese sentimento".
A política nos ollos da xente
O tratamento da política que aborda Davila é tamén unha singularidade do seu xeito de traballar. Mesmo a tratar moitas cuestións candentes de actualidade, non se dan nos seus cadriños ridiculizacións de personaxes públicos ou sátiras personalizadas. "Procuro unha visión o máis retranqueira posible, a incidir no que quero contar pero sen pasar determinadas liñas" explica. "Cústame definir este enfoque, pero diría que tento abordar a cuestión cunha visión moi galega. Para min é mais importante falar do problema do que personalizalo en figuras públicas. Gústame máis debuxar a visión que ten a xente sobre estes temas do que retratar os políticos. De cando en vez métoos, pero estou a máis cómodo a retratar os meus veciños".
Arredor desta cuestión, Félix Caballero salienta que "hai un tipo de humorista gráfico recorrente na prensa a nivel histórico, que é o que analiza a actualidade informativa, e en especial a política, do día a día. A min paréceme o menos interesante. En Galicia temos bos exemplos do contrario, xente que sen deixar de reflectir a realidade informativa de xeito máis ou menos puntual, achega toda unha cosmovisión. É aí onde se sitúan Davila ou Xaquín Marín. Mesmo a teren a súa ideoloxía desenvolven un humor como defendía Perich, ideoloxizado, ao xeito do que se facía en España durante a ditadura. Hai unha visión política, pero no sentido máis amplo da realidade. Ese humor acaba por ser o que sobrevive e se pode ler cincuenta anos despois e continuar vixente. Isto é o que fai de Davila un clásico contemporáneo".
Xenealoxías
Dentro das influencias que marcaron a súa visión da disciplina que practica, Davila apunta que "medrei lendo no xornal desde cativo humoristas gráficos como Quesada, me descubriu moitas cousas e que está moi presente no meu traballo", admite. Canda a el, salienta dous referentes do xénero no noso país como son Xaquín Marín e Xosé Lois como "mestres dos que aprendín moito". E suma á listaxe o arxentino Quino. "Mafalda paréceme filosofía pura e dura da vida", salienta. Nesa mesma xenealoxía, Félix Caballero apunta que "no sur de Galicia desde a Transición houbo humoristas gráficos moi populares, que conseguiron chegar dun xeito moi fondo á xente, como Quesada, Gogue ou O Carrabouxo. E Davila segue esa liña pero tamén os supera a todos. É un dos mellores expoñentes da xeración que seguiu a de Siro e Xaquín Marín".
Novas tecnoloxías aplicadas ao humor
Parte da difusión que teñen acadado os traballos de Davila baseouse desde o primeiro momento no aproveitamento das novas tecnoloxías por parte do autor. Nun momento no que Internet comezaba a despegar no noso país, o autor "tiña claro que había que compartir o meu traballo. Naquel momento moita xente era remisa a publicar as súas creacións na rede por temor ao pirateo, pero eu vía que a difusión era fundamental e xa moi axiña creei un blog no que ía publicando os cadriños día a día. Despois entrei directamente nas redes sociais, e iso permitiu que eses traballos se viralizasen e comezase a haber reaccións de todo o mundo". Neste sentido, Caballero apunta que "non cabe dúbida de que as redes sociais son unha vía moi acaída para difundir o humor gráfico ou que, á inversa, o cadriño resulta un produto moi axeitado para se divulgar por elas pola súa instantaneidade. Pero é certo que hai moitos humoristas gráficos e que non todos conseguen o eco de Davila".
Canda á difusión por Internet, os avances na impresión dixital facilitaron tamén o desenvolvemento do traballo de Davila nun campo que fora moi pouco explorado anteriormente polo humorismo gráfico galego. A coincidir coa eclosión de propostas de deseño galego como Rei Zentolo, os deseños do autor axiña se sumaron ás opcións de mercadotecnia con temas do país. "A tecnoloxía na fabricación destes produtos facilita novos soportes para que a xente teña os meus debuxos", apunta. Nos últimos anos, da man da marca Nikis Galicia Style, o traballo de Davila está presente en impresións para decoración, tazas ou camisetas entre outros soportes, mentres a marca Carcasa leva as súas creacións ás fundas para móbiles. "Ao final trátase de que os teus debuxos estean presentes en agasallos e que a xente os faga seus", explica o autor, que tamén leva as súas creacións a murais por todo o país.
Caballero salienta que "Quesada ou o Carrabouxo sempre foron moi populares e tiveron éxito fóra dos xornais, era habitual atopar os seus cadriños en tabernas e lugares de traballo, ao Carrabouxo ata se lle fixo unha estatua. Pero con Davila pasan a estar nunha grande cantidade de produtos, o que é extraordinario para un humorista de prensa. É un sinal de como mudan os tempos". Canda a isto destaca tamén "outra cousa que amosa a popularidade exacerbada do seu traballo é que fai moita publicidade. As empresas reclámano para campañas a todos os niveis, desde compañías como R ata comerciantes locais que queren facer algo alusivo ao seu comercio ou ao seu bar". A aplicación das tecnoloxía chega tamén ao aspecto máis creativo do autor. "Debuxa con tablet, o que tamén resulta un exemplo de como os humoristas empregan as novas tecnoloxías para facer e difundir o seu traballo", explica este investigador
Debuxo a escena
Precisamente esta ferramenta é a que posibilitou outra faceta deste creador, os espectáculos compartidos con Carlos Blanco, ao permitir a proxección nunha pantalla dos trazos que o autor realizaba ao vivo. O proxecto Menú do Día, que logo continuaría con Menú da noite, xuntou este morracense co actor arousán Carlos Blanco en 2014 nunhas propostas que conseguiron un enorme éxito de público. Encol destes espectáculos, Caballero advirte que, ata onde el coñece, "é unha experiencia pioneira a nivel internacional, eu non atopei ningunha outra colaboración entre un debuxante e un monologuista como esta". Para Davila este "foi un dos traballos que me achegou máis retornos positivos. En total foron catro anos nos que fun percorrendo Galicia de auditorio en auditorio, con Carlos a dirixir o cotarro e eu a debuxar e facer unha escenografía diferente en cada teatro", lembra. "Eu estaba acostumado a percibir as risas do público de xeito indirecto e ao día seguinte de publicar os cadriños. Cando estás subido a un escenario e sentes as gargalladas ao vivo dáche un subidón de adrenalina que me encantou", salienta. O carácter pioneiro da proposta supuxo complicacións para levar a bo termo a idea. "A narración oral e o humor gráfico son dous mundos diferentes e teñen tempos moi diferentes. Tivemos que encaixar ben a maneira para representar os cadriños nos teatros. Ás veces Carlos contaba máis modo para permitirme debuxar con máis detalle, pero outras el seguía o seu ritmo e eu tentaba seguilo á máxima velocidade", explica o debuxante.
Evolucións
Dentro da inevitable evolución que o seu traballo experimentou neste tempo, o autor destaca mudanzas que se aprecian "non só na técnica e no tratamento dos debuxos" senón, en particular "na capacidade de síntese nas mensaxes. Vexo os primeiros cadriños e comprobo que agora sintetizo máis. Neste traballo é bo que a viñeta sexa o máis curta posible e que chegue ao lector en dous ou tres segundos. Agora sáenme máis directas e están máis ao meu gusto", salienta. Tamén apunta unha cristalización de determinados aspectos do seu traballo. "Hai personaxes que foron aparecendo ao longo dos anos e que ficaron fixados. Dora, Agripina ou Tucho comezaron dun xeito simbólico e agora están case todos os días". Logo deste cuarto de século de carreira, o autor non se cansou aínda nin do formato nin dos temas que aborda. "Sempre hai gana de dar un pasiño máis, de innovar un pouco, e día a día vaise mudando ou modulando o estilo, e iso pódese percibir co tempo. Pero non quero forzar un troco radical nun momento dado". De cara ao futuro, o autor maniféstase disposto a explorar novos formatos para as súas creacións. "Estou aberto a todo o que poida aparecer" e recoñece o interese pola animación. "É un mundo á parte. Aínda que a tecnoloxía evolucionou e xa non resulta un traballo tan arduo coma antes, segue a ser un labor moi minucioso. Eu estaría encantado de contar cun equipo de animadores que lle desen vida estes personaxes, sería un proxecto bonito".
Pinturas
De xeito paralelo ao seu traballo no humor, Davila desenvolve unha carreira pictórica, menos coñecida, que lle facilita a experimentación. "Coa pintura descanso algo a cabeciña. Abstráiome de pensar na actualidade e déixome levar polas cores e as formas", explica. Isto non implica, no entanto, unha mudanza temática radical, xa que moitos dos seus cadros continúan a retratar tipos tradicionais da nosa cultura. "A nivel temático son imaxes que me inspiran, a min chégame moito a tradición. Entón fago moitas imaxes de músicos tradicionais ou de traballadores de oficios que se van perdendo".
Unha perspectiva xeracional
A perspectiva da sociedade galega que Davila retrata nos seus traballos non é exclusiva deste autor, como el mesmo recoñece. "Hai outra xente que traballa en coordenadas similares" apunta. "Existen moitos contadores e moita xente que, desde a súa propia visión, xogan moito con estes mesmo temas. Touriñán, sen ir máis lonxe, ten moito que ver co que facemos Carlos Blanco ou eu mesmo", explica. "Ao final estamos a tentar incidir na autoestima colectiva, tentamos conseguir que a xente se recoñeza e ría de si mesma. E ao tempo que estea orgullosa de como somos, coas nosas virtudes e defectos", resume. "Ese labor de autoestima paréceme moi importante en Galicia, temos que nos querer máis do que o facemos" destaca. A aposta por un imaxinario galego para situar os seus traballos responde á consciencia de que "existe unha riqueza cultural que nos dá unha identidade propia. E aí a lingua é o estandarte máximo a preservar. A partir deses ingredientes, que son de primeira, pódense artellar moitos produtos", explica.
O premio
Encol do Premio Trasalba, o autor salienta que "supón un recoñecemento do que estou superorgulloso. Ademais por vir a fundación Otero Pedrayo, que era unha figura cunha visión de país, un estudoso de como somos, emocióname moito". A un nivel máis amplo, é consciente que o feito pioneiro de ser o primeiro humorista gráfico en obter o galardón, "é un recoñecemento a esta profesión". Segundo lembra Caballero, esta presenza do humor gráfico en novos espazos da cultura galega é unha tendencia recente. "É certo que nos ámbitos culturais o humor gráfico nunca tivo moi boa prensa, pero si que nos últimos anos houbo cousas que chamaron a atención neste sentido, como o recoñecemento ao Carrabouxo coa medalla Castelao hai uns anos ou, fóra de Galicia, o premio Príncipe de Asturias que se lle concedeu a Quino", lembra.
O libro
Como parte da celebración, a Fundación Otero Pedrayo editou, como é habitual nestes galardóns, un libro que o homenaxeado descubrirá na entrega do galardón. Segundo apunta Susana Reboreda, en cada xeira "artellamos unha fotobiografía con imaxes que lle pedimos á familia e recollen tanto a traxectoria vital como a profesional" do protagonista da xornada. Canda isto, persoas próximas ao homenaxeado achegan colaboracións nas que falan sobre el desde a súa perspectiva, a achegar unha visión persoal sobre cada figura". Unha cronobiografía, o texto laudatio ou outros artigos e achegas completan o título Luís Davila Malvido. Un xeito de estar no mundo, que se porá á venda con posterioridade á celebración. "O máis gratificante de preparar esta edición foi descubrir que alguén que só coñecía de ter falado algunhas veces é un auténtico tesouro no aspecto humano, segundo fala del a xente próxima", salienta Reboreda.
Galería: Os cadriños da carreira de Davila
"Esta é a primeira viñeta que fixen para o Faro de Vigo no ano 1998, xa tiña o nome de O Bichero e publicouse no primeiro exemplar do FARO na estrea da delegación do Morrazo", lembra Davila.
"Esta viñeta do ano 2009 é unha das primeiras que se fixeron virais nas redes sociais e partillouse milleiros de veces", explica o autor.
"Viñeta do 2010, outra que batiu records nas redes sociais, os comentarios empezaban a chegar de galegos espallados por todo o mundo"
"Nesta viñeta (2013) apareceu por primeira vez Dora Desbrosadora, un dos personaxes que aparecería infinidade de veces en viñetas posteriores"
Viñeta feita man a man con Carlos Blanco durante a preparación do espectáculo Menú do Día
Viñeta elixida para comentar nos exames da EBAU 2023