A webserie Pringadas entra en Filmin

É a primeira serie orixinal en galego na plataforma

A webserie Pringadas é xa a primeira serie creada en galego que se ofrece no catálogo da plataforma dixital Filmin. A primeira temporada desta produción, dirixida por Belén Piume xa está dispoñible neste repositorio. Pringadas é unha comedia xuvenil que retrata os problemas e vivencias da Xeración Z. Esta comedia foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo e no seu paso polo Carballo InterPlay, no ano 2021, obtivo o premio a mellor proxecto de webserie, o cal facilitou a súa produción. Pringadas xira arredor de tres rapazas compañeiras de piso en Santiago, encarnadas por Carmela Vázquez, Camila Ferreyra e Lara Álvarez A actual temporada conta con tres capítulos de 11 minutos, rodados en galego e que na plataforma son accesibles con subtítulos noutros idiomas.