Adelaida Vidal gaña o IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

'E que vai ser?' foi elixida por unanimidade do xurado entre os 26 orixinais presentados este ano

O xurado do certame convocado por Baía Edicións coa colaboración da Política Lingüística da Xunta de Galicia acordou por unanimidade concederlle o premio desta cuarta edición do galardón á obra presentada baixo o lema e título 'E que vai ser?' pola escritora coruñesa Adelaida Vidal, psicóloga de profesión, entre os 26 orixinais presentados este ano. O xurado razoou a súa escolla valorando o texto gañador como "unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades", segundo a comunicación do premio. Ademais valoraron o emprego "maxistralmente" da linguaxe inclusiva ademais dun "hábil uso do humor e a retranca". Segundo a súa resolución, a obra gañadora "fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción", aseguran, e sinalan que a narración "mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros." O premio inclúe a publicación da obra e unha dotación de 2.500 euros. O xurado estivo composto por Montse Pena Presas, Patriza Porto Paderne, Pilar Sampedro, Xosé Manuel Lobato e Belén López Vazquez.