Budiño navega libre e ben acompañado en "Branca Vela"

O músico de Moaña canta en todos os temas do seu novo disco con colaboracións de Leilía ou De Vacas

Houbo que agardar ao oitavo disco de Xosé Manuel Budiño, "Fulgor" (2019) para escoitalo cantar coa súa voz ademais de escoitar a súa gaita, e o de Moaña xa non está disposto calar, ao contrario querer cantar máis. Budiño ven de lanzar o pasado día 28 de abril o seu novo traballo longo, "Branca vela" (Arredor edicións, 2023) un disco con dez cancións incluíndo a que lle dá nome que xa foi presentada como un dos adiantos e mostra do que se ía atopar no álbum, unha sorte de importantes colaboracións chea de cores sonoras sen complexos, incluíndo bases electrónicas, recursos de produción e, como sempre, a raíz tradicional e a gaita. Todos os temas son de composición do de Moaña, que abre o traballo cun dedicado á súa orixe local, Donón. O músico contou para este disco coas achegas de Leilía (no tema Branca Vela) pero tamén están aí Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas, Antía Otero ou o coro Aires da Terra. Con eses vimbios Budiño xa ten o disco en todas as plataformas dixitais e está a presentalo en concertos, os seguintes en Tomiño (13 de maio),Redondela (14 de maio) e Sanxenxo (24 de xullo).