Nesta ocasión, o grupo volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico. "A cociña práctica", un dos dez temas que conforma o disco, conta cunha das colaboracións clave do mesmo: Antía Ameixeiras, do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras, participa no tema como vocalista, achegándose así a un rexistro máis pop, e suma tamén voces en Supermartes. A maiores, Cabalgata está marcado tamén pola participación de dous colaboradores habituais: o Hevi e David Silva. Hevi, responsable tamén de gravacións de Ortiga, Novedades Carminha ou Faia, entre outras creadoras, repite na produción despois de A alma e, como sucedía naquel EP, o resultado destaca pola procura da naturalidade nas interpretacións e o imaxinativo dos arranxos no achegamento aos diferentes estilos. Pola súa banda, David Silva, que vén de realizar con Ataque Escampe o espectáculo audiovisual "Na noite brillan", encárgase dos videoclips de Cabalgata e do deseño, onde afonda na iconografía ecuestre presente no título.