Marcos Teira e Ton Risco conflúen flamenco e jazz en CIRCUM

O primeiro disco do dúo preséntase o vindeiro 30 de abril en Santiago

O dúo formado polo vibrafonista Ton Risco e o guitarrista Marcos Teira presenta este mes, CIRCUM, o primeiro disco común destes músicos de calidade contrastada e longa experiencia na que é unha das escasas apostas musicais galegas polo xénero flamenco. Estes dous músicos acaban de gravar o seu primeiro disco xuntos despois de anos entrecruzándose e coqueteando a ámbolos dous lados dos escenarios e as partituras. Este disco recolle o traballo que a formación veu desenvolvendo ao longo de mais de 10 anos nos cales afondaron na procura dun son e unha linguaxe , así como dun xeito de facer propios. Músicas propias e tamén de outros autores, arranxos orixinais, estilos diferentes e unha linguaxe común. Aínda que as influencias son tan variadas como as súas traxectorias, pode dicirse que as linguaxes do flamenco e do jazz son fundamentais no discurso en CIRCUM.

Unha parella de instrumentos (guitarra e vibráfono) infrecuente ao redor dun estilo absoluto, o flamenco, que ambos fan pasear por un repertorio aberto, que parte de arranxos de composicións persoais e abre os seus puntos cardinais para acariñar a canción hispanoamericana, da zamba ao choro. Un e o outro instrumentos acústicos exploran toda a dinámica percusiva dos seus caracteres propios. O vibráfono e a guitarra flamenca enténdense, como dá fe este disco gravado lentamente, producido polos mesmos Risco e Teira e editado polo selo madrileño especializado en flamenco-jazz Youkali Music. O próximo 30 de abril presentase no Teatro Principal de Santiago de Compostela nunha velada para á que xa están á venda as entradas.