Unha exposición repasa a traxectoria do escultor Acisclo Manzano

Acisclo. Sete décadas pode verse en Ourense ata o 21 de maio

A sede de Afundación en Ourense acolle desde este 21 de marzo e ata o 21 de maio a exposición Acisclo. Sete décadas. A mostra, comisariada por Mercedes Rozas, percorre a traxectoria do escultor ourensán a través dunha selección de setenta pezas das súas sete décadas de actividade artística.

A iniciativa combina pezas de coleccións privadas e públicas do autor para visibilizar "o seu compromiso coa arte, ao tempo que traslada a evolución do seu discurso afastándose progresivamente da representación naturalista, fuxindo da realidade obxectiva, que tan só mantén como pretexto de recursos estéticos", segundo indica a presentación do proxecto.

Na escolma de pezas que compoñen o proxecto pódense atopar traballos con diferentes materiais, como madeira, terracota ou bronce, que amosan as capacidades expresivas do autor. Pezas desde os anos 60 e traballos actuais combínanse coa súa obra urbana ou con algúns dos coñecidos Cristos que teñen marcado a carreira deste recoñecido escultor.