O 17° Ribeira Sacra gaña o premio a mellor festival pequeno da península

Os Iberian festival Awards premian tamén a outros tres festivais galegos como os mellores doutras categorías en España

Nunha fin de semana chea de entregas de premios, o mundo da música tamén tivo a súa ración coa gala que deu a coñecer os destinatarios finais dos Iberian festival Awards, o galardóns que premian a excelencia no sector profesional dos festivais de música celebrados na península ibérica. A gala de entrega desta sétima edición tivo lugar na localidade lusa de Maia o pasado sábado, 11 de marzo, e catro dos festivais galegos presentes nas posicións finalistas volveron desde alí cun recoñecemento.

A pasada edición do festival 17° Ribeira Sacra foi a mellor parada das nosas ofertas no sector, alcanzando o premio absoluto a Mellor Festival Pequeno da península durante o 2022. Outros tres festivais galegos recibiron o recoñecementos a mellor festival en outras tantas categorías, pero xa a nivel do Estado español, recaendo os premios absolutos desas categorías en eventos lusos. Foi o caso do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que recibiu o premio a mellor festival español levado a cabo en recinto pechado no ano 2022. Pola súa banda o Festival O Son do Camiño levou o premio a mellor festival español en canto a Comunicación & Estratexia de marketing e o premio a Mellor Contribución á Igualdade en España foi para a pasada edición do Festival Sinsal Son Estrella Galicia da Illa de San Simón.