O 8M reivindica con cultura

O Consello da Cultura desenvolve diferentes actividades e achega novos contidos arredor da data

O Consello da Cultura desenvolve diferentes actividades e achega novos contidos arredor da data
Imaxe de Mulheres Transgredindo no Álbum de Galicia. Fonte: Consello da Cultura Galega.
As mobilizacións que se desenvolven polo Día da Muller neste 8 de marzo nun grande número de localidades galegas inclúe tamén unha importante programación cultural. Actuacións musicais, mesas redondas, espectáculos escénicos ou publicacións fan parte das diferentes propostas que se poderán ver por todo o país ao longo dos vindeiros días.

Dentro destas, o Consello da Cultura Galega promove o ciclo cinematográfico Olladas de muller, que se desenvolve na Coruña en colaboración coa Filmoteca de Galicia desde o pasado 3 de marzo. O programa achega traballos audiovisuais de diferentes nomes propios femininos canda a unha serie de obras do cine estatal e internacional recente.

Ademais, na Hemeroteca Feminista A Saia, a entidade incorporou os volumes da terceira xeira da segunda época da publicación de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (2009-2013) e mais a publicación ilustrada Xénero Humano centrada nas mulleres de Ourense. O Álbum de Galicia, pola súa banda, incluíu a entrada do colectivo Mulheres transgrendindo e no web Proxector, que reúne vídeos didácticos, o especial do mes de marzo dedícase a producións sobre a situación das mulleres.

A estas propostas súmanse desde Santiago de Compostela o debate Músicas na música: territorio de mulleres, que se desenvolverá ás 20 horas na Escola Municipal de Música. Tamén se abre a exposición Elas contan Compostela de Mónica Mura. Nun programa extendido vencellado á data, inclúese o concerto de La Yegros o día 11 na Sala Capitol, un acto de homenaxe o día 16 no Xardín das Palabras coas poetas Olga Nova e Laura Pugno, ou a obra teatral Gordas, prevista para o día 29.

Na Coruña, canda ao ciclo que promove o Consello da Cultura, Los Cantones Cines acollen a Mostra Internacional de Cinema por Mulleres, que entre o 22 de marzo e o 2 de abril achegará un total 20 películas. O Fórum Metropolitano acolle o vindeiro 31 de marzo a obra teatral Ifixenia na porta do súper, e no Ágora poderá verse a obra Pilgrims destinada a estudantado de secundaria. Este mesmo local acollerá un concerto de De Vacas o vindeiro día 24 no marco das actividades vencelladas ao 8M.