Marzo cinematográfico en feminino na Filmoteca de Galicia

O programa ofrecerá o ciclo Olladas de Muller e retrospectivas de tres directoras estranxeiras

O programa ofrecerá o ciclo Olladas de Muller e retrospectivas de tres directoras estranxeiras
Fotograma de 'A Rapariga'
A Filmoteca de Galicia (antes CGAI) está a conmemorar o Día da Muller durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega. Esta programación arrancou onte na Sala José Sellier da Coruña coa proxección de 'A rapariga', de Márta Mészáros, que poderá verse tamén hoxe xoves ás 18,00 h. Mészáros foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro na Berlinale co seu filme Adopción (1973). Tamén esta semana arranca unha nova entrega do ciclo anual Olladas de muller, co que a Filmoteca de Galicia e o Consello da Cultura Galega celebran o 8 de marzo mediante a proxección de diferentes traballos audiovisuais protagonizados por mulleres, tanto diante como detrás das cámaras. Desta volta, o programa estrutúrase en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega.

A película Brainwashed, de Nina Menkes, inaugura o venres esta nova edición de Olladas de muller trazando un panorama histórico sobre a "ollada masculina" no cine clásico de Hollywood. Entre os filmes seleccionados atópanse, así mesmo, 'Los años de Súper 8', dirixida pola premio Nobel Annie Ernaux (día 8), 'La amiga de mi amiga', de Zaida Carmona (día 10), ou 'El techo amarillo', de Isabel Coixet (día 21).O ciclo ofrece outros traballos sobre o papel das mulleres na literatura (Karen, de María Pérez, o día 9 e 'A poeta analfabeta', de Sonia Méndez, o día 24), na pintura ('Lolita Díaz Valiño', de Rosario Sarmiento e Xurxo Lobato, o día 14 e 'La visita y un jardín secreto', de Irene M. Borrego, ambas o día 14) ou na política ('A revolución (é) probable', de María Ruido, Paula Barreiro e Lee Douglas o día 8 e 'Margarita Ledo. Parolar cun eu', de Xisela Franco o día 9). A presenza de creadoras galegas é tamén unha das características de Olladas de muller, con pezas de Alicia López, Carla Andrade, Cora Peña, Lucía Estévez, Adriana Páramo ou Diana Toucedo, ademais das xa mencionadas Xisela Franco, Sonia Méndez, María Ruido, Paula Barreiro e Rosa Sarmiento.

Mulleres detrás da cámara no panorama internacional
'A rapariga' será a primeira das 12 películas da directora húngara Márta Mészáros incluídas na retrospectiva, que se estenderá ata o vindeiro mes de abril. Na sede da cinemateca galega exhibiranse tamén este mes outras seis das súas longametraxes : Vínculos (días 3 e 4), '¡No lloréis, preciosas' (7 e 8), Desaparición (9 e 10), 'Nueve meses' (16 e 17), 'Dos mujeres' (22 e 23) e 'Como en casa' (24 e 25). A faceta como realizadora da mítica actriz xaponesa Kinuyo Tanaka centra outra das retrospectivas que dá comezo en marzo e se estenderá ata primeiros de maio. Ofreceranse seis dos títulos filmados entre 1953 e 1962 por Tanaka, quen foi a segunda muller en dirixir películas no seu país. A Filmoteca de Galicia programará tamén tres sesións dedicadas á directora alemá Helena Wittmann con ocasión da preestrea en España da súa segunda longa, Human Flowers of Flesh. A propia Wittmann desprazarase ata A Coruña para presentar o seu filme o día 17, así como a sesión do día 18 con dúas curtas de Jean Epstein e Nina Menkes que gardan relación coa súa película. O especial complétase o día 21 coas súas pezas Wildnis, DRIFT e Ada Kaleh.