Fusión na industria musical de Luneda Producións e Tremendo Audiovisual

A cooperativa Nave de Lata reunirá aos artistas que ambos representaban e os eventos que producen

O sector da industria musical en Galicia conta cunha nova cooperativa cultural, a Nave de Lata, que nace da suma de forzas de dúas axencias que xa operaban cun catálogo de artistas e producións que representa un amplo abano de variedades da música en Galicia. As promotoras de management, booking, produción e programación Luneda Producións e Tremendo Audiovisual unen as súas forzas nesta nova entidade que se presenta como especializada na representación de artistas da escena galega, así como no acompañamento da súa carreira profesional. Facendo bo o lema dunhas das cancións dun dos representados por Tremendo Audiovisual, o grupo Familia Caamagno, as dúas axencias buscan futuro "xuntos máis fortes". Ao abeiro da unión entre as promotoras de Aitana Cuétara e Rubén Otero (Luneda Producións) e Manuel Tarrío (Tremendo Audiovisual), Nave de Lata acompañará a traxectoria de artistas e bandas cun fondo compromiso coa cultura galega.

Se Luneda achega un catálogo especializado na música tradicional, o folk, as música do mundo ou o jazz, a parte de Tremendo que atende ao pop, rock e electrónica. Así, entre os nomes que pasaran a traballar ao abeiro desta Nave de Lata están, ademais dos mencionados Familia Caamagno, Ataque Escampe, Berto, Caldo, David Regueiro, Fillas de Cassandra, Moura ou Ruxe Ruxe, entre outras. A nova cooperativa tamén producirá eventos relacionados coa difusión e promoción da música e da cultura galega dos que xa se estaban ocupando as axencias. É o caso dos festivais Jazz de Ría e Psicotroita, das xornadas sobre patrimonio sonoro 'O que non se escribe', do desenvolvemento de espazos de creación e asesorías artísticas así como da produción doutros eventos. "Desde fóra pode semellar que Luneda e Tremendo son moi diferentes a nivel estético e case conceptual, mais nós entendémolas como dúas caras da mesma moeda, dous xeitos complementarios de ver e entender a música, a industria, a lingua... a cultura en xeral e, en fin, case a vida", afirma Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións no comuni9cado de anuncio da creación de A Nave de Lata.
Ligazóns