Catro directores e directoras porán en escena versións "condensadas" en 35 minutos de catro pezas de William Shakespeare nas que o autor sitúa a acción no Imperio Romano. Ese é o xogo escénico cun dos autores fundamentais da dramaturxia universal que o Centro Dramático Galego vai por en escena fóra da súa sede, en concreto no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título conxunto "Shakespeare en Roma". O ambiente isabelino no que se escribiron e estrearon por vez primeira estas obras recrearase grazas á súa exhibición neste singular espazo, que permitirá ademais unha posta en escena de proximidade cos intérpretes compartindo espazo co público. Rui Madeira, dirixirá unha versión reducida de "Coriolano"; María Barcala e Xúlio Lago, dirixen a de "Xulio César"; Sara Rey, é a directora de "Antonio e Cleopatra" e Quico Cadaval, ocúpase desa versión reducida de "Tito Andrónico". A través do seu ollar e escollas escenificaranse versións condensadas coas que compartir co público de hoxe a reescrita dos textos Shakespearianos co foco posto nalgunha das personaxes secundarias presentes nos orixinais. Oito intérpretes darán vida ás diferentes personaxes das catro pílulas shakespirianas: Xurxo Cortázar; Sheyla Fariña; Cris Iglesias; Rebeca Montero; Marcos Orsi; Fran Peleteiro; Santi Romay; Toni Salgado. O espectáculo "Shakespeare en Roma" nace como una oportunidade para unir tres momentos da historia: o presente, o período Isabelino e a Roma Clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo poder que guían o destino dos personaxes. "Shakespeare en Roma" estrearase este xoves, 9 de febreiro, ás 19:00 horas e haberá representacións de mércores a domingo ata o vindeiro día 2 de abril no Salón Nobre de Fonseca.