'Shakespeare en Roma' leva ao CDG ao Teatro Romano de Mérida

Será a primeira vez que a compañía pública galega acuda ao Festival Internacional de Teatro Clásico

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Eleneco de 'Shakespeare en Roma'            Fotografía: Miramemira para CDG

Eleneco de 'Shakespeare en Roma' Fotografía: Miramemira para CDG

A conexión romana a través da produción do Centro Dramático Galego 'Shakespeare en Roma" une á compañía pública co Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, unha referencia indispensable dada a traxectoria de 69 edicións e do seu espazo no Teatro Romano da capital estremeña. Ata alí irá este ano, os días 18 e 19 de xullo, a montaxe do CDG, que se basea en textos de William Shakespeare, resultando a primeira vez que a cabeceira pública da escena galega participa do programa deste evento.

O espectáculo continúa arestora en cartel ata o vindeiro 2 de abril no Salón Nobre do compostelán Pazo de Fonseca. 'Shakespeare en Roma' ofrece un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra, e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes. Coa súa posta en escena no famoso teatro romano de Mérida, a compañía continuará afondando no ambiente e o espírito orixinal das obras asinadas polo gran dramaturgo británico, do mesmo xeito que está a facer en Santiago durante as súas representacións nun escenario pouco convencional como o Pazo de Fonseca, na que os espectadores se dispoñen nas cadeiras do Salón Nobre a modo de Senado romano.

Que che parece esta nova?
84 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Roma, Teatro, Shakespeare, William Shakespeare...