David Rubín acumula recoñecementos por O lume

A primeira edición da BD esgotouse en apenas un mes desde o seu lanzamento

31/1/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñada
51 lecturas | Compartido 0 veces

Páxina de O lume. Fonte: Astiberri

A última banda deseñada do ourensán David Rubín, O lume, acumula recoñecementos logo de dous meses na rúas. A obra, que viu a luz en castelán da man da editora vasca Astiberri e está coeditada en galego con Demo Editorial, foi recoñecida desde decembro co premio Fancueva a Mellor Tebeo Español e mais co do público ao Mellor Debuxante de 2022. Estes galardóns están organizados polo web do mesmo nome de información sobre BD.
A obra conseguiu ademais dous premios Liefeld da revista en liña Tomos y Grapas. Estes galardóns, votados por 1.800 persoas, premiaron a obra como Mellor Tebeo Español e ao seu autor como Mellor Debuxante. Tamén a redacción do web de crítica Zona Negativa seleccionou este traballo como o mellor do pasado ano A obra está tamén nominada nos galardóns Zona Cómic, que entregan as librarías especializadas a nivel estatal, e que se darán a coñecer o vindeiro mes de marzo. A mesma rede escolleu o título como principal recomendación do mes de xaneiro.

Canda a estes premios, O lume foi recoñecido en listaxes coma a que realiza El Periódico como mellor obra de 2022, ou entre as recomendacións do ano da revista Rockdelux. A obra, que saíu á venda o pasado 1 decembro, esgotou en apenas un mes unha edición en castelán de 6.000 exemplares e unha galega de 1.200, o que fai da obra a BD en galego máis vendida do pasado ano. A segunda edición está a chegar ás librarías.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Protagonistas
Lugares