Antón Riveiro Coello fíxose esta mañá co I Premio Álvaro Cunqueiro de Literatura pola súa novela Hotel Carioca. Trátase dunha "novela plural" na que se alternan "con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima". O premio está convocado polo concello de Mondoñedo, en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidasde e a editorial Galaxia "coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores".