Unha exposición lembra 40 anos do Carrabouxo en Ourense

Amosa unha selección de cadriños do popular personaxe ata o final do vindeiro mes de xaneiro

Amosa unha selección de cadriños do popular personaxe ata o final do vindeiro mes de xaneiro
Xosé Lois na inauguración da exposición. Fonte: Deputacion de Ourense.
O Pazo Provincial da Deputación de Ourense acolle desde este venres 16 de decembro a exposición 40 anos do Carrabouxo. A mostra conmemora as catro décadas de existencia deste personaxe senlleiro do humor gráfico galego e homenaxea o traballo do seu creador, Xosé Lois González.

Unha selección de 40 cadriños, un por cada ano de existencia do personaxe, foron seleccionados por Xosé Lois entre os máis de 14.500 que publicou diariamente no xornal La Región. Canda a estes, a mostra achega unha mostra doutros traballos do autor, que se poden ver ata o final do vindeiro mes de xaneiro.

Na inauguración, Xosé Lois definiu ao Carrabouxo como "un veciño de Ourense, nado na rúa Alejandro Outeiriño, criado e que vive en La Región, que se fixo maior a través dos libros de recompilación publicados nestes anos pola Deputación e que almorza cada día con milleiros de ourensáns".