A RAG nomea a Kathleen March como membro de honra

A entidade celebrou este sábado o ingreso de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número

A entidade celebrou este sábado o ingreso de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número
Kathleen March. Fonte: RAG.
O pleno que a Real Academia Galega celebrou este sábado 17 acordou nomear a Kathleen March, catedrática emérita de Español e responsable do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, como membro de honra da institución. Entre os méritos da investigadora que salienta a RAG está o ter sido a primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, ademais de ter traducido "obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións" de contribuír á proxección internacional do galego coas súas investigacións sobre as nosas letras.

March, nada en Nova York en 1949, entrou en contacto con Galicia en 1975, cunha investigación sobre a poesía de Manuel Antonio que a levaría desde entón a se interesar por nomes como Carballo Calero, Castelao, Luz Pozo Garza, Xohana Torres ou Rosalía de Castro.

No seu traballo como tradutora abordou obras como Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo, Xente de aquí e acolá de Cunqueiro (2011), Un nicho para Marlyn e Lume de cobiza de Miguel Anxo Fernández, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira, Pensa nao de Anxo Angueira (2019) ou Seique de Susana Sánchez Aríns entre outros, como os volumes colectivos Festa da Palabra. An Anthology of Contemporany Galician Women Poets e An Anthology of Galician Short Stories. No ámbito da creación publicou diversos relatos e poemas, tanto en inglés coma en galego.

March fundou tamén a Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, que dirixiu en dúas etapas. O seu labor valeulle recibir o Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior en 2015.

A elección de March coincidiu co acto de ingreso da catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña María Dolores Sánchez Palomino como membro de número. A autora impartiu un discurso titulado Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias], no que defendeu que "os dicionarios bilingües contribúen de maneira significativa á normalización lingüística".