Gisela Mato gaña o XXXV Premio Pérez Parallé de Poesía

O certame de Poesía Erótica Illas Sisargas premia en Malpica a Diana Kurich

Gisela Mato
Gisela Mato
A poesía galega engade dúas obras ao andel de premios estes días. Gisela Mato Rivera (Xenebra, 1978) co libro "Fraxilidades", resultou gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial- Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O libro de Mato Rivera foi elixido polo xurado do premio fenés de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. A autora galardoada estudou Psicoloxía na USC e na Université de Paris X. Actualmente traballa no eido dos recursos humanos en Santiago de Compostela. O premio ten unha dotación de 3.000 euros e a publicación da obra.

Ademais , en Malpica o XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas fallouse a favor de Diana Kurich, pola súa obra "Feitas ao sisel". A obra de Diana Kurich, foi elixida polo xurado por unanimidade "pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema", segundo comunican. O xurado tamén concedeu un accésit á obra "Corpo nomade" de Teresa Ríos Noya,"polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade".