O Centro PEN outorgou os seus Premios Rosalía de Castro

Odete Costa Semedo, José Mª Merino, Josep Mª Miró i Coromina e Leire Bilbao foron os galardoados

Os Premios Rosalía de Castro, que outorga cada dous anos o Centro PEN Galicia xa teñen gañadores neste 2022. Estes galardóns, que recoñecen a traxectorias de nomes destacados das letras en portugués, castelán, catalán e euskera, entregaranse na segunda quincena de xaneiro.

Nesta xeira, a organización literaria acordou recoñecer o traballo da poetisa, escritora, política e investigadora de Guiné Bissau Odete Costa Semedo no campo da lusofonía. O narrador, poeta, ensaísta e membro da Real Academia Española José Mª Merino obtivo o galardón en lingua castelá, mentres Josep Mª Miró i Coromina e Leire Bilbao conseguiron o recoñecemento en catalán e euskera.

Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Xosé Ramón Pena, Kathleen March, Luis Menéndez, Manuel Guede e Pablo Rubén Eiré formaron o comité de selección dos premios.