As XV xornadas de BD de Ourense celébranse do 3 ao 11 de outubro de 2003 cunha chea de exposicións que farán as delicias dos amadores da novena arte.

Xornadas orixinais

Desde o vindeiro venres 3 ata o sábado 11 de outubro Ourense será, como todos os anos, o epicentro do cómic en Galicia. Ata un total de nove exposicións, xunto con diversos autores convidados, tanto do país como vidos de fóra, completarán unha cita ineludible coas viñetas e os diversos estilos que as enchen.

O cartel de convidados deste ano encabézano o danés Teddy Kristiansen e o pamplonés Bernardo Vergara, os cales estarán presentes tanto en persoa como a través dos seus orixinais expostos no Museo Municipal. Un autor caracterizado polo estilismo e outro polo humor gráfico que compartirán espacio con Alberto Vázquez e Kike Benlloch e o seu álbum "Freda", obra que lle valeu ao primeiro unha nominación nos premios de Barcelona deste ano. Tamén no Museo Municipal ficará a colección "Tebeos: retrato social dunha época", permitindo aos espectadores aproximarse a un cento de páxinas orixinais de dous clásicos, a Editorial Bruguera e a revista TBO.

Na Casa da Xuventude agardan debuxos e publicacións. A XIV Expofanzines, no salón principal, achegará á vista e ao tacto do visitante as últimas novidades dentro da colección de cómics e magazines do centro cultural ourensán, que xa alcanza a imponente cifra de mil oitocentas cabeceiras amateur de todo o mundo. No mesmo recinto terán cabida as mostras de orixinais do exitoso "La Cebolla Asesina" e dos gañadores do IV Certame Galego de Imaxe artística, o principal concurso de cómic a nivel autonómico.

A representación galega complétase coa mostra "H2OIL", sita no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. Case setenta autores galegos de BD reflicten neste álbum do Colectivo Chapapote o afundimento do petroleiro Prestige e as súas consecuencias. Pola súa banda, a tradicional contribución lusa a estas Xornadas chega nesta ocasión da man de "Satélite Internacional", unha selección de traballos deste fanzine vangardista aberto a todo tipo de tendencias que se poderá coñecer na Librería Eixo (Rúa Cardeal Quevedo, 36).

O salón do cómic de Ourense completa a súa promoción con dúas interesantes publicacións. A primeira, o nº10 do "Fanzine das Xornadas", que contén artigos e cómics de autores galegos e internacionais. Estará á venda no mercadiño e en varias librerías da cidade, por 1 euro. A segunda revista é o Catálogo do IV Certame Galego de Imaxe Artística ~ Banda Deseñada, consistente na edición dos traballos gañadores do concurso.


Programa definitivo

* Venres 3 de outubro, inaugúranse as Xornadas

Na Casa da Xuventude, acto de inauguración das XV Xornadas. Farase entrega dos Premios Ourense de Banda Deseñada 2003, na súa décimo terceira edición. Os premios constan de dúas categorías: á mellor iniciativa ou personalidade na BD en Galicia, que este ano recae no debuxante e humorista gráfico Pepe Carreiro, e ao mellor autor novel, que corresponde ao gañador do 1º premio na categoría A do Certame Galego de Imaxe Artística ~ Banda Deseñada, este ano Jano (Alejandro Viñuela); ambas están dotadas dunha estatuíña deseñada e realizada expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

* Sábado 4 de outubro, encontros e dedicatorias

A partir das 12:00 h na Librería Mazinger (Galerías Proyflem, entreplanta, rúa do Progreso), os autores de "Freda", Alberto Vázquez e Kike Benlloch; a autora de "A Prueba de Balas", Emma Ríos; e varios dos autores das revistas Barsowia e BD Banda asinarán exemplares das súas obras.

Desde as 17:00 h na Casa da Xuventude, presentacións, coloquios e mesas redondas:

- Presentación dos álbums Frëda, de Alberto Vázquez e Kike Benlloch, A Prueba de Balas, de Emma Ríos, e H2Oil, do Colectivo Chapapote
- Presentación das revistas Barsowia nº 1 e BD Banda nº 4
- Charla con Bernardo Vergara e Fernando Tarancón, de Astiberri Ediciones
- Charla con Teddy H. Kristiansen

* Luns 6 de outubro, empezan as películas

Arrinca ‘Cinema e Banda Deseñada’, ciclo audiovisual de produccións relacionadas co cómic que durará ata o sábado 11, coa proxección de "Nausicaä del Valle del Viento". Con este filme de 1984 inaugúrase tamén o Especial Hazao Miyazaki, no que se programarán media ducia de títulos do mestre xaponés da animación. As películas de Miyazaki, en VHS e DVD, proxectaranse con canón na sala de vídeo da Casa da Xuventude ás 17:00 e ás 19:30 h.

* Martes 7 de outubro, Cinema e BD

- "Mi vecino Totoro" (Hazao Miyazaki, Xapón 1988)

* Mércores 8 de outubro, Cinema e BD

- "Nicky, la aprendiz de bruja" (Hazao Miyazaki, Xapón 1989) ás cinco e ás sete e media da tarde na sala de vídeo da Casa da Xuventude
- "Bichunmoo" (Kim Young-jun, Corea do Sur 2000) ás oito e media e ás once da noite no salón de actos da Biblioteca Pública (Casa da Cultura, rúa Concello 11)

* Xoves 9 de outubro, Cinema e BD

- “Pórco Ròsso" (Hazao Miyazaki, Xapón 1995) ás cinco e ás sete e media da tarde na sala de vídeo da Casa da Xuventude
- “Bienvenidos a Belleville" (Sylvain Chomet, Francia-Bélxica-Canadá 2003) ás oito e media e ás once da noite no salón de actos da Biblioteca Pública (Casa da Cultura, rúa Concello 11)

* Venres 10 de outubro, Cinema e BD

- “La princesa Mononoke" (Hazao Miyazaki, Xapón 1997)

* Sábado 11 de outubro, Cinema e BD

- “El viaje de Chihiro" (Hazao Miyazaki, Xapón 2001)

* Todos os días mercadiño e animación

Desde as cinco da tarde ata as nove da noite, a Agrupación de Libreiros de Ourense ten aberto un mercadiño de cómics nas oficinas do Festival de Cine de Ourense (baixos dos xardíns do Padre Feijoo, rúa Isabel a Católica 1). Estará á venda todo tipo de material, desde os clásicos ata as últimas novidades. Nos arredores, perto do monumento de Xaime Quessada en homenaxe aos personaxes de BD que poboaron o imaxinario infantil da xeración da posguerra, haberá animacións de rúa polas tardes.


Cartel oficial das XV Xornadas de BD de Ourense

Cartel oficial das XV Xornadas de BD de Ourense

Obra de Manel Cráneo

Xornadas de Ourense: Enderezos.
Listaxe de enderezos relacionados coas XV Xornadas de BD de Ourense