A edición galega amosa músculo literario na feira de Frankfurt

Presentarán un vídeo que reúne a todos os autores que acadaron Premios Nacionais

Presentarán un vídeo que reúne a todos os autores que acadaron Premios Nacionais
A Asociación Galega de Editoras participará na Feira Internacional de Frankfurt (19 a 23 de outubro) cun espazo propio dentro do posto da Federación de Gremios de Editores de España, no que desenvolverá un intenso programa de actividades profesionais e onde presentará o video promocional "Unha edición poderosa". Con ese lema o audiovisual da AGE reúne os máis de vinte Premios Nacionais concedidos á literatura polo Ministerio de Cultura de España nas últimas décadas en todos os xéneros e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia. No vídeo obra da produtora Illa Bufarda afírmase que "As nosas letras son enormes. Proxéctanse con Premios Nacionais de Literatura en todas as categorías. Temos a mellor edición para unha literatura de premio. Unha edición poderosa".



Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende as últimas persoas premiadas ata as máis veteranas. Cinco décadas de recoñecemento continuo ao sistema literario e editorial galego. Entre as últimas persoas galardoadas: Xesús Fraga (Narrativa, 2021), Olga Novo (Poesía, 2020), Alba Cid (Poesía Joven Miguel Hernández, 2020), Xavier Senín (Obra de Tradutor, 2020), Pilar Pallarés (Poesía, 2019), Anxo Quintela (Xornalismo Cultural, 2019), Ana Romaní (Xornalismo Cultural, 2018), María Xesús Lama (Ensaio, 2018), Antonio García Teijeiro (Literatura Infantil e Xuvenil-, 2017) ou Ledicia Costas (Literatura Infantil e Xuvenil, 2015).Xunto a eles, voces xa consagradas das nosas Letras: Manuel Rivas (Narrativa, 1996), Suso de Toro (Narrativa, 2003), Alfredo Conde (Narrativa, 1986), Justo Beramendi (Ensaio, 2008), Paco Martín (LIX, 1986), Fina Casalderrey (LIX, 1996), Manuel Lourenzo (Literatura Dramática, 1997), Miguelanxo Prado (Cómic, 2013), Editorial Kalandraka (Mellor Labor Editorial, 2012), Óscar Villán (Ilustración, 1999), Federico Fernández (Ilustración, 2001), María Alonso Seisdedos (Tradución, 2014) ou Andrés Torres Queiruga e José Fernández Lago (Tradución, 1990). Así mesmo, lémbrase a tres premiados xa falecidos: Agustín Fernández Paz (LIX, 2008), Xabier P. Docampo (LIX, 1994) e Manuel Álvarez Torneiro (Poesía, 2014). O Consello da Cultura Galega sumarase tamén á promoción da literatura galega na feira de Frankfurt cunha serie de tres audiovisuais propios que se presentarán proximamente.