
Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. O cartel do xoves destaca pola presenza do dúo electropop Delaporte, que dará a coñecer 'Abril¡, o seu último traballo discográfico, e do pop urbano de Rels B. Sobre o escenario do Multiusos da Estacada tamén estarán Sofía Gabanna, unha das promesas do rap arxentino: JazzWoman, rapeira valenciana sempre disposta a abordar nos seus temas a denuncia social e o empoderamento feminino e que participará por vez primeira nun festival galego; Maurino, quen amosará por primeira vez en Galicia o seu future latin, e a enerxía de Cool Nenas (Mariagrep, Dani Costas e Kimberley Tell).
O venres 5 o SonRías continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que regresa a Bueu co seu proxecto 'Jazz Magnetism', na que será a súa última actuación en Galicia antes da súa retirada dos escenarios; o rapeiro Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais, e que chega ao festival coa súa xira do 20º aniversario; ou Ciudad Jara, o proxecto musical de Pablo Sánchez (La Raíz), que presenta o seu novo disco, 'Cinema'. A noite do venres tamén contará coas actuacións de Buhos, grupo festivo de referencia en Cataluña e que unicamente estará en Galicia no marco do SonRías; Bala, destacado dúo galego da escena do rock/metal alternativo que dará a coñecer o seu último disco, 'Maleza'; Emlan, na súa primeira actuación en territorio galego cun novo espectáculo de rock e pop; e García Mc & Nación Quilombo.
A programación pecharase o sábado 6. Comezando cunha sesión vermú que contará coa música de dúas figuras imprescindibles da escena galega na actualidade: Grande Amore e La Duendeneta. A xornada a completarase con Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a revolucionar a música tradicional galega e na que será a primeira actuación nun festival logo do lanzamento do seu novo disco, 'Diluvio'; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, e que presentará o 'Nuevo Cancionero Burgalés' no SonRías na súa única cita na provincia de Pontevedra deste verán; ou Arnau Griso, no que será o seu derradeiro concerto ante o público galego. Completan o cartel desta terceira xornada de SonRías Eskorzo, unha das bandas pioneiras do movemento mestizo en España e que está a celebrar o seu 25º aniversario; Sara Hebe, coa única data confirmada para Galicia este verán e na que presentará o seu último disco, 'Sucia Estrella'; Balkan Paradise Orchestra, big band formada integramente por mulleres nas que os ventos e as percusións farán bailar ás e aos asistentes; e Suu, unha das novas voces catalás máis destacadas da actualidade e quen dará a coñecer Karaoke.