De cando os poetas se transformaron en penedos

Colectivos ferroláns recuperan a memoria das mulleres alpinistas do grupo Abrente, que en 1936 converteron un monte nun sorprendente espazo cultural

Colectivos ferroláns recuperan a memoria das mulleres alpinistas do grupo Abrente, que en 1936 converteron un monte nun sorprendente espazo cultural
Inauguración do penedo dedicado a Antón Vilar Ponte. Abril de 1936. Foto: Vida Gallega
En 1936 a asociación alpinista ferrolá Abrente, dirixida e nucleada por mulleres, encheu os penedos do monte de Brión, na boca norte da ría de Ferrol, de murais con poemas de autores en lingua galega. A iniciativa tivo tanto éxito que o monte comezou a ser chamado o Monte dos Poetas e acoller numerosas excursións, das cales se conservan dúas abraiantes fotos nos que se observan os penedos pintados con versos e unha multitude. A historia desapareceu da memoria colectiva ata que nos últimos anos unha serie de descubrimentos hemerográficos permitiron recuperar esta fermosa historia de natureza e cultura. Este domingo 17 de xullo os veciños da parroquia de Brión, a comunidade de montes local e o Clube de montaña Ferrol conmemorarán aquela iniciativa no penedo que acolleu, en 1936, as palabras de Antón Vilar Ponte.

En outubro de 1935 conformouse en Ferrol un grupo de montaña chamado Abrente. Segundo a prensa da época, "nesta nacente colectividade de andainas destacan as mulleres, e será guiada ou presidida polas deportistas ferrolás Alicia Iglesias Vidal e Geluca Lorenzo Anidos". Todo nesta historia ten un enorme sabor de época: desde o excursionismo que prendera na burguesía galega desde principios do século XX, a propia denominación do grupo cunha palabra de moito uso na literatura dese tempo ata o crecente papel das mulleres. Segundo os organizadores do evento deste domingo, o grupo Abrente de Ferrol "podería ser o primeiro club de montaña da historia de Galicia, xa que Montañeiros Celtas, o decano da montaña galega, naceu en Vigo en 1942".

O Monte dos Poetas
As Abrente escolleron como primeira excursión unha visita aos montes de Brión, un conxunto de outeiros ao norte da ría de Ferrol desde o que se pode enxergar unha espectacular vista da costa, tanto ao norte, coa lagoa de Doniños, coma no sur, coa ría de Ferrol e A Coruña ao fondo. Parecería que as organizadoras xa terían en mente o que logo acontecería. Creando ligazóns con outras entidades culturais e excursionistas da comarca, as Abrente transformaron a virxe paisaxe do monte de Brión nun espazo cultural que en apenas en poucos meses pasou a ser chamado o Monte dos Poetas.

En febreiro de 1936 oito penedos dos outeiros de Brión, que funcionaban como "miradoiros", foron dedicados a significados poetas do século XIX: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Valentín Lamas Carvajal, Francisco Añón, Manuel Leiras Pulpeiro, Benito Losada e Alberto Camino. Debaixo de cada un deles figuraba un apelativo: "Poeta de Galicia". Excursionistas coruñeses e da comarca de Ferrolterra comezaron a acudir a ese espazo, percorrendo o monte e recitando, case como nun via crucis, poemas de cada poeta nos seus respectivos penedos. Remataban sempre cantando o Himno galego. Tal cousa fixeron tamén o 15 de marzo de 1936, se cadra a inauguración formal do percurso, no que a moza cubana de orixe galega Marujita Oseira explicou o obxectivo: "As mulleres de Abrente vivimos unidas espiritualmente aos poetas galegos os nomes dos cales ostentan os miradoiros naturales que estamos a percorrer neste grandioso monte Brión. Morreron os poetas aludidos, pero nós, as galegas, non esquencemos o seu ronsel literario. Por iso acudimos agora e volveremos con frecuencia a contemplalos e recitar os seus poemas".

O acto principal celebrouse o 19 de abril de 1936. Unha multitude subiu ao monte para homenaxear a Antón Vilar Ponte, que morrera o pasado catro de abril, no seu propio penedo. É dese acto do que se conservan as únicas fotos do Monte dos Poetas coñecidas ata o momento e que se poden ver nesta reportaxe. Nese acto o debuxante Luis Picos pintou na pedra unha frase do xornalista Vilar Ponte: "o mar é o único espello do infinito e forma co ceo o grandioso paréntese onde a pequenez do home apréciase claramente". NO acto participaron Ricardo Carballo Calero e outros intelectuais da época e acompañaron con textos figuras como Otero Pedrayo, Arturo Noguerol ou os afamados pintores ferroláns Vicente Díaz y González e Felipe Bello Piñeiro.

As Abrente continuaron organizando excursións nos seguintes meses. Catro días antes do golpe de estado de xullo de 1936 estaban volvendo a subir ao Monte dos Poetas e mesmo un día despois, o 19 de xullo, percorrían Redes, Ares e Mugardos. O grupo desaparece neses momentos e non será ata 1974 cando volva nacer un clube de montaña na cidade.

Unha recuperación dixital
A historia do Monte dos Poetas desapareceu da memoria colectiva, pero ficou nas hemerotecas. Coa chegada do mundo dixital, os eventos do monte de Brión colleron nova vida. Xornalistas locais como Germán Castro, artigos como os de Mario Valdivieso na revista de estudos locais Columba e a difusión por Internet das curiosas novas da homenaxe a Vilar Ponte por parte do filólogo Iván Méndez en Twitter contribuíron a recuperar esta historia.


A limpeza do penedo. Foto: Club Montaña Ferrol

Nestas semanas, os veciños de Brión e os comuneiros limparon de toxos e fixeron accesible o gran penedo que no 1936 chamaban "Monte Laurel" no que se celebrou a homenaxe a Vilar Ponte da que se conserva a foto. E este domingo 17 ás 10 da mañá os colectivos locais volverán subir aló, mentres o Club de Montaña Ferrol celebra unha asemblea extraordinaria para incorporar a memoria destas deportistas e activistas culturais ferrolás no seu propio nome. A partir de agora, pasará a chamarse "Club Montaña Ferrol - Alpinista Abrente 1935/1936".

O que xa non sabemos se se volverá poñer de moda viaxar ao monte de Brión para ir recitando, de penedo en penedo, a poesía dos autores do Rexurdimento.