A RAG pon na rede as súas publicacións históricas

Dicionarios, discursos de ingreso, obras teóricas ou epistolarios achegan testemuños de primeira man sobre as nosas letras

Dicionarios, discursos de ingreso, obras teóricas ou epistolarios achegan testemuños de primeira man sobre as nosas letras
Proceso de dixitalización de material histórico. Fonte: RAG
"Cativo, va. El niño pequeño". Esta é a entrada coa que fecha o incompleto Diccionario gallego-castellano que a Real Academia Galega publicou en fascículos entre 1913 e 1928. A obra está agora dispoñible en liña, canda a outros 177 títulos editados por esta institución desde 1906.

A RAG anunciaba este 21 de xuño que completou o proceso de dixitalización das súas publicacións históricas, a totalizar preto de 37.000 páxinas, co apoio das subvencións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a dixitalización do patrimonio cultural galego. Ademais de estar dispoñibles no web da institución, estes volumes pódense consultar tamén en Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.

Canda a o dicionario, pódense atopar outras publicacións históricas como as edicións orixinais dos discursos de ingreso na entidade de diferentes figuras históricas. Os textos achegan curiosidades coma un modesto Otero Pedrayo a recoñecer as súas inseguridades ante o recoñecemento, e indicar que "chego á iste momento, con dúbida e con medo. A dúbida de si faria ben ou non recibindo a honra que me dispensádes ó acollerme no seo d'ista ilustre Academia; o medo de qu'a vosa xentileza non sexa d'abondo pra cobrir a insiñificanza do meu labor".

Tamén Luz Pozo puña en cuestión os seus propios méritos para facer parte da institución no seu discurso, se ben recoñecía que "dunha cousa, si, pódome gabar: dunha vocación permanente da palabra poética". De calquera xeito, axiña puña o peso dese valor na herdanza lírica, a sinalar que esta vocación naceu "sobre todo cando me foi revelada en toda a súa fermosura e paixón a verba primordial da nosa fala, que enche de saudade e beatitude a alma. Aqueles cantos do meu pobo na infancia. Aquelas glosas rosalianas das campás de Bastabales e de cómo chovía miudiño por beiras aínda descoñecidas e para min xa entrañables deixabanme a alma anegada de saudade nun estado entre felicidade e dor coma ferida incurable".

O material histórico que agora se pon a dispor do público recolle tamén os volumes dedicados a diferentes autores a coincidir do Día das Letras. O que Salvador García Bolaño realizou sobre Rafael Dieste en 1995 por esta efeméride comeza cunha memorable cita do rianxeiro, a sinalar que "sempre xurden as cousas máis inagardadas e muda completamente o curso da historia que se tiña máis ou menos prevista. Pero non por iso temos que desmaiar. Temos de facer profecías porque no instante en que deixemos de profetizar, de ter esta proxección para o porvir -proxección da fantasía e da vontade xustamente- deixaríamos de ser homes".

Noutro volume, a louvanza que fai de Cunqueiro Xosé Filgueira Valverde no volume dedicado ao mindoniense deixa claro o aprezo polo seu labor literario. "El tivo sempre a lucencia de mocedade, de escolar vagante por países culturais, certos, adiviñados ou fabulosos, guiado por unha aguda e libérrima maxinación, cun pouso de saudade e de romántica melancolía. Se nos houbesen inquerido qué calidades deberá te-lo creador literario que Galicia demandaba, diríamos que as súas. Foi o mellor de cantos puideramos pedir para un novo agromar da fala".

As pezas inclúen tamén curiosidades como o Dicionario de Fole elaborado por Xosé de Cora, que repasa todo tipo de personaxes, apuntes biográficos e cuestións sobre a vida e a obra do autor lucentes. Así, por exemplo, a entrada "Legovanta" indica que este é o "Título dunha novela que Fole di estar a escribir en A Veiguiña a Fernández del Riego: ''Dentro de dous días enviareiche o último conto. Teño en preparación outras dúas pezas teatrais e unha novela, Legovanta, que me parece que vai ben, é unha novela corta con técnica case de conto. Paréceme que por ahí hai que empezar''".

A edición das cartas a Murguía conservadas na RAG, os dous volumes de Libros e autores galegos de Ricardo Carballo Calero, a edición da Crónica troiana a cargo Ramón Lorenzo ou os materiais publicados con ocasión do centenario da RAG ou das homenaxes a Emilia Pardo Bazán realizados durante 2021 fan tamén parte do material que agora a RAG pon en acceso libre na rede.