Mondoñedo acollerá o II Encontro Álvaro Cunqueiro

Universidade de Santiago, Concello e Casa Museo colaboran na actividade os días 1 e 2 de xullo

Universidade de Santiago, Concello e Casa Museo colaboran na actividade os días 1 e 2 de xullo
Co lema Cunqueiro e familia, Mondoñedo acollerá os vindeiros 1 e 2 de xullo o II Encontro Álvaro Cunqueiro. Integrado na programación de cursos de verán da Universidade de Santiago, este programa desenvólvese co apoio do concello e mais da Casa Museo dedicada ao autor e céntrase na análise da relacións de diferentes sinaturas co mindoniense.

Segundo explica Armando Requeixo, coordinador das xornadas, o eixo do evento é o encontro "coa familia autorial, coas conexións e fíos de unión entre o autor e outros grandes da literatura, por iso incluímos nesta edición figuras que abordasen aqueles autores e autoras referencias na obra de Cunqueiro, desde Rosalía de Castro a Leiras Pulpeiro, Shakespeare, Pessoa ou Italo Calvino".

Deste xeito, o auditorio Pascual Veiga acollerá relatorios sobre Rosalía de Castro e Cunqueiro, Cunqueiro e Otero Pedrayo, Castelao e Cunqueiro, Cunqueiro e Granell ou Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín entre moitos outros. Miguel Seixas Seoane, Carmen Blanco, Isabel Morán, Miguel González Somovilla ou Antonio Gamoneda serán algúns dos relatores que participan nesta iniciativa.

Un recital poético-musical a cargo de Antonio Gamoneda, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo, Luís Valle, Dores Tembrás e César Cunqueiro fai tamén parte do programa, que inclúe tamén a presentación de Álvaro Cunqueiro: O mundo e outras vísperas. Este volume, compilado por Armando Requeixo e publicado por Galaxia, recolle as colaboracións do autor no xornal El Pueblo Gallego entre 1932 e 1936.