A Regueifa 2.0 crea as 'Miudiño Sessions'

Os microconcertos en lugares singulares inaugúranse con HOLGADO no cruceiro de Gonte

Os microconcertos en lugares singulares inaugúranse con HOLGADO no cruceiro de Gonte
HOLGADO . Miudiño Sessions
A plataforma de difusión e selo dixital A Regueifa 2.0 segue a presentar proxectos musicais desde a súa reactivación. Un dos máis recentes son as Miudiño Sessions, que veñen de inaugurar cun vídeo de HOLGADO, o proxecto de Keko Ponte. Segundo eles mesmos explican, este proxecto faise seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s. A Regueifa 2.0 estrea estas sesións gravadas en directo, unha serie de microconcertos de grupos e solistas en formato mínimo gravados en localizacións singulares e poñendo o foco tanto no visual -toda a serie estará filmada en 4K- coma no musical -procurando unha calidade de son semellante á gravación en estudo- o proxecto estrease co barcalés HOLGADO, interpretando ao pé do cruceiro de Gonte na súa Negreira natal tres temas de "O fillo de Suso", o seu novo álbum. Acompañado ao saxo e ao caixón por Daniel e Diego Vieito, Holgado debulla as lembranzas desa infancia rural que se extingue irremediablemente interpretando "A piscina", "Herba seca nas brañas" e "Notas do funeral de Ricardo Vieito". Agárdense vindeiras entregas destas coidadas sesións musicais por máis artistas da plataforma.

Ligazóns