Inmersión lingüística documental

Cristina de la Torre: "Quixemos recoller tamén as sombras dos procesos de normalización nas aulas"

Cristina de la Torre:
Cun equipo mínimo de dúas persoas e con poucas directrices sobre o produto a desenvolver, a directora Cristina de la Torre embarcouse na realización do documental Aquí medra a lingua. Este proxecto do Consello da Cultura Galega levouna a visitar media ducia de centros de ensino do país nos que se desenvolven proxectos singulares de normalización. Toda unha experiencia coa que a cineasta retratou de xeito diferente estas iniciativas, coas luces e tamén con sombras.

Despois das pezas audiovisuais monográficas que compoñen proxecto Aquí medra a lingua, o Consello da Cultura Galega presentaba este 13 de xuño o documental homónimo. Cristina de la Torre asina esta produción, na que compila testemuños sobre os proxectos de dinamización lingüística singulares que retrata nesta iniciativa. O conxunto amosa un xeito diferente se achegar a estas propostas, con pluralidade de voces e de puntos de vista, que convida a reflexionar e, na intención da directora, a aprender.



-Desenvolveches este documental cunha grande liberdade creativa. Como fuches artellando o proxecto?
Cristina de la Torre: A verdade é que non contei con moitas directrices desde o Consello da Cultura. Basicamente indicáronme a que centros ir e explicáronme un pouco os obxectivos do documental. A min gústame pensar que este tipo de documentais suceden, constrúense a si mesmos durante o proceso de rodaxe, e este sucedeu moito. A única idea que levabamos era recoller as experiencias do xeito máis didáctico posible, para que cando familias, profesorado ou alumnado o visen pensasen que eles tamén podían facer algo para contribuír a que medre a lingua. Á hora de gravar fomos mudando a estratexia. Nas primeiras sesións deixámonos guiar máis polo profesorado e pola súas intencións comunicativas, pero logo procuramos máis a linguaxe espontánea do alumnado, situacións que che achegan frescura e verdade á produción. Ás veces ao facer divulgación sobre a lingua, polo noso propio compromiso, tendemos a centrarnos no positivo, con estes testemuños quixemos recoller tamén as sombras destes procesos, que tamén as hai.

-¿Que che resultou máis complicado do proceso?
O máis difícil foi sintetizar e seleccionar o máis relevante. Cando se fala de lingua neste país semella que sempre acaba por saír unha tese doutoral. Logo tamén foi un esforzo non nos deixar arrastrar pola boa intención que podiamos ter no propio equipo. Tanto a Pio Cribeiro, que foi o cámara, como a min, o tema a lingua é algo que nos entusiasma. E iso pode ser problemático porque pode facer que non queiras amosar esas sombras, e tes que o facer. Tamén tentamos saír de lugares comúns. Algo no que nos poidemos equivocar neste proxecto é que se achega unha visión moi rural do idioma. Tamén resulta algo inevitable porque as experiencias de normalización están en vilas e no rural. Ao mellor hai que facer unha segunda parte do proxecto centrada nos institutos das cidades galegas. Pero penso que os exemplos que se expoñen amosan cousas que se poden aplicar nas cidades, e que moitos lugares precisan mirarse nestas iniciativas.

-Falas da existencia de sombras nestes proxectos, e na produción evitas dar unha imaxe totalmente optimista.
Encántame que nas pezas audiovisuais os personaxes dialoguen con diferentes puntos de vista. Entón paréceme axeitado recoller tanto luces como sombras destes procesos. No positivo, destacar que haxa xente tan apaixonada e entusiasta coa lingua. Isto amosa que hai futuro para o galego. Houbo entrevistas con rapazada da que saín moi feliz e impresionada. Logo no profesorado atópase moitísima entrega, e tamén nas familias e nas asociacións que se achegan e colaboran nos proxectos. Está a se traballar moito e con alegría. Sempre nos poñemos bastante dramáticos ao falar da lingua, e a situación é dramática, pero hai estratexias para garantir o futuro. Cómpre visibilizalas e tomar o que nos poden achegar para cada caso.

Como sombras, cómpre recoñecer que ao final o alumnado non fala galego, fala español. Pode haber un traballo tremendo do profesorado, ter creado consciencia lingüística, conexión coa raíz ou compromiso. Pero logo entre eles, o alumnado fala en castelán, fóra de grupos moi comprometidos. E iso había que amosalo. Está moi ben escoitalos dar a súa opinión coa frescura e a sinceridade desa idade. Teñen unha actitude positiva cara a lingua, pero non saben explicar por que non son quen de manter o idioma na súa relación entre iguais. Está ben escoitar iso e que a xente desa idade o escoite. Ao final, estas experiencias plantan unha semente que agromará e fará que nalgún momento recuperen o galego.

-Nas pezas en xeral percíbese entusiasmo polos proxectos e un certo optimismo. ¿Son estas as sensacións máis habituais que atopaches?
Algo que me sorprendeu é que non houbo moitas queixas pola situación. Ao mellor ía máis predisposta a escoitar máis queixas e necesidades, pero penso que conducimos as conversas a un lugar de procura en positivo. Sabemos que cómpre unha lei que permita máis flexibilidade no número de horas e de materias que se imparten en galego, porque as necesidades son diferentes segundo o contexto. Tamén hai que baixar as ratios da aulas e permitir que o profesorado teña horas da súa xornada para poder se dedicar a este tipo de proxectos. Agora acábanse facendo no tempo libre, e iso fai que a xente non ature o ritmo. Ao final estes proxectos son outro xeito máis de educar que achega coñecementos á rapazada. Estas actividades achegan ferramentas para solucionar problemas, facilitan adoptar un compromiso co contorno, ensinan a se dirixir ao público... ao final fornecen cousas que son tanto o máis útiles que outras que se aprenden nas aulas.

-Agora ve a luz o documental que compila as pezas breves sobre cada centro que foi publicando o Consello da Cultura. ¿Que achega de novo este formato?
O documental é un mosaico de voces. En total saen máis de corenta persoas que amosan ese entusiasmo, esa ilusión e esa gana de seguir a construír en galego. Pode semellar algo caótico, pero penso que cómpre velo para que ninguén se sinta só nesta pelexa. Sobre todo que o vexan en contornos maiormente castelán falantes para a xente nova. Que o alumnado que vai entrar nun instituto de secundaria vexa que hai máis xente coma eles, que se comunica en galego con naturalidade, sen necesidade de levar bandeiras, con espontaneidade e alegría. O documental está para visibilizar isto tamén para reflexionar sobre as aristas deste debate sobre a lingua a nivel de proxectos en centros educativos.

-De todos os proxectos que visitaches, ¿algún que che chamase especialmente a atención?
Son fan do CEIP Quintela de Moaña. Están no medio dun contexto totalmente hostil co idioma, non tanto por rexeitamento cara a el senón porque non se usa. A min sorprendeume moito porque é unha zona que non coñezo moito, pero ninguén fala galego en Moaña. A rapazada que chega ao colexio de primaria entra no galego case como nun idioma estranxeiro. O mérito destas iniciativas de dinamización lingüística é maior nun contorno coma este do que en Ponteceso, cun contexto maiormente galegofalante.