NUMAX organiza un ciclo de encontros sobre literatura e oralidade

"É un falar" reunirá por parellas a escritores e contadores en catro encontros

As relacións que existen entre a fala e a escrita son o punto de partida da actividade "É un falar", o ciclo de conversas organizado pola Libraría NUMAX. Desde este vindeiro sábado, 11 de xuño, e ata novembro pasarán pola libraría catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado español para pensar e dialogar sobre libros ou formas de narrar que nacen, dun xeito ou outro, da oralidade. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG). Estas conversas, de estrutura aberta, terán como liña vehicular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo e a lectura de textos. Nelas participarán a escritora e bertsolari vasca Uxue Alberdi xunto á escritora arousá Susana Sánchez Aríns; o narrador oral Celso Fernández Sanmartín xunto ao poeta e tradutor Fruela Fernández; as poetas Nuria Vil e Pablo X. Suárez, que serán quen abran o ciclo este sábado; e, por último, ás tamén poetas Ángela Segovia e Luz Pichel. Un conxunto de propostas diversas que queren crear diálogo interxeracional e que van desde a poesía escénica á narración oral, pasando pola narrativa, a crónica ou o ensaio, e abordando outros textos máis especiais.

Ligazóns