A Deputación de Pontevedra celebra o Día das Letras por toda a provincia

Os actos centrais desenvolveranse os días 11 e 12 de maio en Vigo e Pontevedra

Os actos centrais desenvolveranse os días 11 e 12 de maio en Vigo e Pontevedra
Actividades para crianzas por toda a provincia compoñen o groso do programa da Deputación de Pontevedra por mor do Día das Letras que se lle dedica a Florencio Delgado Gurriarán. A entidade presentaba este catro de maio unhas propostas que se coordinaron entre as áreas de Memoria e Lingua da entidade.

Como actos centrais, a Deputación celebra en Vigo o vindeiro once de maio o espectáculo Coa ledicia de voltar, no que Serafín Marcos repasa a vida do autor a través da súa poesía para o público máis novo. O día doce, o Pazo Provincial de Pontevedra acollerá unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés. Canda a eles, Sheila Patricia interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.

Canda a isto Deputación levará a trinta e cinco concellos da provincia a actividade "De Valdeorras a México. Terra a nosa, que a editorial Polo Correo do Vento desenvolve arredor de Delgado. Un obradoiro de ilustración combinado coa narración da biografía do autor, pezas musicais e un coloquio adaptado a crianzas compoñen esta proposta. Ademais, a entidade anunciou a publicación dunha banda deseñada sobre o homenaxeado a cargo da escola O Garaxe Hermético que se distribuirá en centros de ensino canda a reedicións de obras de Delgado.