Un lóstrego informativo

O Consello da Cultura Galega dixitaliza a colección completa de Teima, a primeira publicación periódica en galego trala morte de Franco

O Consello da Cultura Galega dixitaliza a colección completa de <i>Teima</i>, a primeira publicación periódica en galego trala morte de Franco
O último consello de redacción de Teima
"Teima foi un lóstrego informativo e como tal efémero, que deixou testemuño en 1.300 páxinas nas que se abordan os problemas estruturais presentes na Galicia dos anos 70, e dos que algúns continúan vixentes 40 anos despois". Quen así fala é o xornalista Luís Villamor, autor da ata agora única tese monográfica sobre a revista Teima. Con el percorreremos algúns dos contidos da revista. O Consello da Cultura Galega publicou hoxe, a coincidir co día da Liberdade de Prensa, a colección completa da revista, que xa é accesible e descargable no web da institución.

Explora os contidos de Teima

O primeiro número de Teima publicouse en novembro de 1976. Franco apenas levaba morto un ano e e tanto as antigas forzas do réxime como a oposición e os diferentes axentes da sociedade xa estaban metidos proceso de Transición no que están depositadas moitas expectativas e inquedanzas e no que cada quen tentaba saír o mellor parado posible. "A revista foi produto da confluencia de dous proxectos distintos", sinala Villamor. "Os referentes eran o francés Le Nouvel Observateur e o español Cuadernos para el diálogo", sinala Ánxel Vence no artigo que acompaña o lanzamento da dixitalización de Teima no CCG. Villamor tamén sitúa outras revistas de información política e social xurdidas noutras nacionalidades, como Berriak no País Vasco, ou Arreu en Cataluña, todas de cronoloxías moi similares. Todas semanarios.

"A revista naceu nun contexto de especial demanda informativa, pola morte do dictador e en pleno proceso de reivindicación do autogoberno de Galicia, que arelaba cando menos non perder o paso a Cataluña e a Euskadi", indica Vilamor. Na súa redacción participará un conxunto de xornalistas que logo terán unha dilatada traxectoria profesional nos medios de comunicación e na cultura galegas. Figuras como Ánxel Vence (o seu director), Luís Álvarez Pousa, Perfecto Conde, Víctor Fernández Freixanes, Manuel Rivas, Xulio Xiz, Alfonso Sánchez Izquierdo ou na revisión lingüística Rosario Álvarez Blanco e Francisco Fernández Rei entre moitos outros. Participarían nunha aventura editorial que remataría nove meses despois, en agosto de 1977, cun editorial titulado "Deica logo". "O plan empresarial de Teima era máis difuso e feble no económico que no informativo", explica Luis Villamor ao dar conta do final da revista, "xunto co choque cos grandes anunciantes da publicación, a falta de cobro de moitas das contratacións publicitarias xeneraron un grave problema de tesourería". Teima pechou cunha cifra nada escasa de 2.000 subscritores.

Os contidos


O humor de Xaquín Marín en Teima

A revista empregaba sobre todo reportaxes e entrevistas, "cunha liña crítica de opinión e un humor demoledor", afirma Villamor, "e daba conta do desenvolvemento social e económica de Galicia e en contra das inxustizas sociais, da falta de democracia e o caciquismo. Tiña unha linguaxe crítica, desenfadada e distinta", afirma Villamor.



Ver reportaxe sobre a Autoestrada do Atlántico

O investigador destaca as entrevistas, "desde logo eran de lectura obrigatoria. Son desas entrevistas que namentas non rematen hai que manter a tensión profesional e non baixar a garda. Son un filón".




Ver entrevista a Pedro Costa Morata sobre a enerxía en Galicia

Como exemplo, Villamor lembra unha entrevista a Riveiro, militante do Partido Comunista de España (reconstituído), PCE(r), identificado pola xustiza coma o brazo político do grupo terrorista GRAPO.



ver a entrevista na Hemeroteca

Ou o que sucedeu cunha anunciada entrevista a Manuel Fraga. "Nunca se chegou a publicar. Na redacción considerouse un episodio de censura porque aínda que a entrevista se fixo, non saiu publicada por discrepancias internas no seo da revista, pero non entre os xornalistas senón entre o cerne intelectual que acompañou a saída de Teima".



A visita de Fraga a Teima

Outro caso foi a marcha contra a central nuclear de Xove. "Acabou cun enfrontamento moi forte entre a UPG e a esquerda estatal. Esta acusaba os nacionalistas de tentar capitalizar a marcha, armouse unha liorta importante e Xavier Navaza escribiu un editorial antiUPG que titulou "Os novos mesías" e xenerou unha gran tensión. Alta voltaxe entre información e política".


A reportaxe sobre as mobilizacións de Xove

Os conflitos pola terra tiveron tamén unha presenza importante. "Con gran alarde tipográfico reflectiu os conflitos das Encrobas e Baldaio", sinala Villamor.


Reportaxe de Manuel Rivas sobre As Encrobas

A revista tentaba crear contidos visuais de impacto, como as chamativas portadas en cuatricromía, con imaxes moitas veces de gran impacto, "e que podemos dicir que resultan moi actuais desde o punto de vista do deseño".



Para Villamor, a clave para interpretar desde hoxe a revista está "no grao de liberdade expresiva e analítica da publicación e os temas e enfoques que non existían noutra da prensa do momento. Na súa ousadía democrática".