Comeza a rodaxe de '13 exorcismos' apoiada desde o Hub Audiovisual

A longametraxe de Bambú Producciones dirixida por Jacobo Martínez rodarase en Ourense e Ordes

Unha subvención de 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, foi a chave para acadar o comezo da reodaxe en terras galegas da película '13 exorcismos'. A realización da longametraxe implicará, segundo a Xunta, un compromiso de gasto de 1,75 millóns de euros na nosa Comunidade por parte das empresas implicadas. A produtora galega con sede en Madrid, Bambú Producciones, xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends son as empresas impulsoras desta película de terror baseada no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014. Ademais da cidade de Ourense e doutros puntos da provincia, o equipo da película '13 exorcismos' tamén traballará en Ordes (A Coruña), onde recreará a casa familiar desta historia. O proxecto conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabeza o director do filme, o coruñés Jacobo Martínez, contando tamén coa directora de produción, Tamara Soto; a xefa de perruquería, Mara Collazo, ou os propios produtores executivos, Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, así como varios dos membros do elenco interpretativo, como Cristina Castaño, e arredor de 350 figurantes. Os actores Ruth Díaz e Urko Olazabal, protagonizan o filme xunto a María Romanillos e Pablo Revuelta.


O Hub Audiovisual da Industria Cultural supón un programa de apoio que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. '13 Exorcismos' é un dos catro proxectos subvencionados a partir da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con dous millóns de euros e coa que o Hub Audiovisual da Xunta botaba a andar en setembro de 2021. As series 'Rapa' e 'Argonautas', de Portocabo, e 'Hasta el cielo', de Vaca Films, son os outros títulos adxudicatarios desta liña de apoio, que terá continuidade este mesmo ano cunha segunda publicación pola mesma contía. Fai un ano o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuníase con representantes das cinco produtoras que a Axencia Galega das Industrias Culturais definiu como "principais empresas de referencia no eido audiovisual". Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú foron as cinco produtoras que fixeron parte deste encontro, no que puideron achegar propostas para o Hub.