A gaita que soou durante as revoltas irmandiñas

O musicólogo Pablo Carpintero localiza a gaita máis antiga do mundo en Pontevedra

O musicólogo Pablo Carpintero localiza a gaita máis antiga do mundo en Pontevedra
A gaita de Xan de Campañó. Foto: Universidade de Vigo
A gaita máis antiga do mundo consérvase en Pontevedra, ten unha antigüidade entre 500 e 600 anos e estivo en uso durante todo este tempo. O último gaiteiro propietario foi Xan Tilve, o gaiteiro de Campañó (Pontevedra). Hoxe, é a súa neta a dona do instrumento. O musicólogo Pablo Carpintero é o responsable desta descuberta. Fará soar o instrumento este venres 22 ás 19 horas no Museo de Pontevedra, durante a presentación dos achados que ten feito durante a investigación da súa segunda tese de doutoramento. Carpintero é o autor dun método matemático que permite estimar a antigüidade dos punteiros das gaitas a partir do seu desgaste. Probas da antigüidade da madeira con C-14 permitiron confirmar a validez do método para ofrecer datas aproximadas de uso.

O violín máis antigo do mundo aínda en uso data de 1566 e foi fabricado en Venecia. A guitarra española máis antiga data de 1689 e foi elaborada en Sevilla. E en Lisboa gárdase unha vihuela, aínda en perfecto estado de 1590. Pero o puntal da gaita de Xan de Campañó foi elaborado con madeira de ébano cortada entre 1420 e 1450, e tocado ininterrumpidamente por xeracións e xeracións de gaiteiros ata rematar nas mans de Xan Tilve, 'Xan de Campañó', en 1450. O achado convértea, polo momento, na gaita máis antiga do mundo e sitúaa na escala simbólica doutros instrumentos nacionais, como as tres harpas dos séculos XIV e XV preservadas en Irlanda, das que a máis coñecida é a lexendaria harpa de Brian Boru, exposta no Trinity College de Dublín.



Unha investigación interdisciplinar

Pablo Carpintero, que é doutor en Ciencias e foi profesor de bioquímica, é un dos máis recoñecidos musicólogos galegos e especialista en gaita e instrumentos de vento. Pero fixo o descubrimento no marco da súa investigación para obter a segunda tese, no marco do Programa de Doutoramento en Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo. Os directores da tese xa dan conta do carácter interdisciplinar da investigación: Susana Reboreda, profesora de Historia Antiga, e Iván Area, profesor do Departamento de Matemática Aplicada. O método desenvolvido por Carpintero está baseado nas medicións do desgaste do punteiro provocado pola interpretación dos gaiteiros e non é invasivo, pero para comprobar a fiabilidade da análise complementouse, no marco da investigación, coa análise a través de C14 de pequenas mostras de material orgánico da gaita. Foron estas as que permitiron obter as datacións.

O conxunto de gaitas analizadas por Carpintero, con todo, non se limitan a esta gaita. As probas foron realizadas a outros punteiros que o modelo matemático podía estimar como máis antigos, obtendo resultados doutras gaitas medievais que permaneceron en uso durante todo este tempo, ou doutras datas tamén considerablemente centenarias. Deste xeito, a gaita do gaiteiro de Mogor (José María García) obtivo unha datación por C14 de entre 240 e 310 anos de antigüidade. Carpintero interpretará o venres tamén cunha réplica dunha gaita portuguesa conservada no Museo de Etnoloxía de Lisboa na que, segundo o modelo matemático, cóntase con máis de 500 anos de uso, aínda que neste caso non foi posible verificala a través da datación da madeira por radiocarbono.

As discrepancias entre o modelo matemático e o radiocarbono son moi pequenas. No caso da datación da gaita de Xan de Campañó, o modelo prevía una antigüidade de 490 anos mentre que o radiocarbono asignou entre 550 e 600 anos para a corta da madeira. No caso da gaita de Mogor, o modelo calculaba uns 300 anos de uso e o radiocarbono entre 240 e 310 anos da corta da madeira.

Vellas redes comerciais

Un aspecto suxestivo é o feito de que o punteiro da gaita de Mogor, a máis antiga do mundo ata a data, foi realizado en ébano. Isto amosa a existencia de redes comerciais para a importación de materiais exóticos procedentes doutros continentes como África máis alá dos bens suntuarios destinados á aristocracia ou á Igrexa. Pode que as rutas comerciais portuguesas, que conectaban Pontevedra cunha ampla rede internacional, teñan que ver coa presenza desta madeira tan exótica para a primeira metade do século XV.
Ligazóns