A Coruña será o centro da música contemporánea no Vº RESIS

O festival incluirá varias estreas e a presentación dunha formación nacida ao seu amparo

O festival de música contemporánea RESIS arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá, ademais, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo froito da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble. O Museo de Belas Artes acollerá o 8 de maio o concerto COLD TRIP de Lab 51, suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas. . O Teatro Colón acollerá o 2 de xuño o concerto AKRATA, da Banda Municipal da Coruña, que estreará pezas de Miguel Matamoro, Xenakis, Xavier Gelabert e Voro García. Como concerto de clausura, o NATURA RENOVATUR da Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia estreará pezas nunca antes tocadas de Giacinto Scelsi, Waldimir Rosinskij -que escribiu unha obra en exclusiva para o RESIS-, Xenakis e Wolfgang Rihm.

Dos sete concertos previstos inclúese tamén Pléïades, a homenaxe polo centenario do compostor Iannis Xenakis, o 14 de maio no Castelo de Santo Antón a cargo de Arxis Ensemble. Será a estrea en Galicia e suporá un irmandamento coa Filarmónica de París, que lle adica este ano unha exposición ó compositor grego. A formación Arxis Ensemble debuta nesta edición, xa que é unha nova formación coruñesa de música contemporánea que nace ó amparo do RESIS. O Concerto SIGMA, de Sigma Project, levará á DOMUS o 21 de maio pezas de Alberto Posadas, José María Sánchez Verdú e Helga Arias -todas elas estreas en Galicia-; de Víctor Ibarra, cunha estrea en España, e de Raphael Cendö, cunha estrea europea. Baixo o título AKUSMATA, a formación Cantando Admont estreará en España varias pezas de Beat Furrer. Será o 28 de maio na Igrexa de Santiago
Ligazóns