Xabier Díaz recorre á infancia como base para unha actitude positiva

'Levantarse e caer' é o novo disco en solitario do artista que iniciará xira con el

Xabier Díaz lanza novo traballo en solitario, 'Levantarse e caer' , que xa está dispoñible desde o pasado venres en todas as plataformas. Este novo traballo do cantor é paralelo ao seu percorrido xunto a Adufeiras de Salitre, coas que leva xa tres discos publicados. Agora Díaz, con este álbum de 10 temas que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e os arrolos, afonda, segundo a súa presentación, nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e na relevancia das experiencias infantís na construción dos nosos eus adultos e para basear sobre iso a nosa capacidade de resiliencia. Xabier explora os recordos da infancia, a perspectiva adulta do éxito e a necesidade de querer e querernos máis e mellor como unha forma de sandar as feridas e construír unha realidade máis amable. O primeiro avance do disco, o tema homónimo 'Levantarse e Caer', vía a luz o pasado mes de marzo e pasaba inmediatamente a coarse entre os temas en galego máis escoitados en todas as plataformas. Tras el chegaba 'María e a Curuxa', un arrolo de patrón suave e doce.



O disco conta cunha edición especial, acompañada dunha pequena caixiña de música na que pode escoitarse un dos arrolos que Díaz compuxo e gravou para este proxecto no que contou coa colaboración dun feixe de artistas, a produción de Josete Ordóñez (guitarras, mandolas, etc.), os acordeóns de Pedro Pascual e as caixas de música e zanfonas de Germán Díaz, Antía Muíño nos coros, pasando pola participación de artistas do calibre de Alex Tobías, Guillem Aguilar, Manu Masedo ou Marco Ferreiros. Unha fotografía de Vari Caramés ilustra a portada, nunha evocación da memoria á infancia desde o foco adulto. Ademais o segundo adianto do novo traballo, 'Mariá e a curuxa', conta cun videoclip animado, creado pola artista Iria Fafián, que dá así vida ao particular bosque animado deste arrolo. A presentación deste novo traballo en solitario vén acompañada dunha pequena xira de presentación do mesmo, que levará ao artista para actuar en directo nos escenarios de Mos, Ribeira, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra nas próximas semanas.