Os composteláns Radio Zapa! presentan 'Demasiado'

O primeiro disco longo do trío compostelán sae editado polo novo selo RequeSound

Desde 2015 Martín Zapata (Ruxe-Ruxe, La Maldita Blues Band, The Fabulous Resaca Brothers), Fran Facal (Dr. Gringo, Bakin Blues Band) e Jacobo García (Sinestesia, Néboa) veñen traballando como Radio Zapa!. O trío ofrece un rock potente e denso, transitando por sons que van desde a psicodelia dos anos 70 á escena stoner actual pero no que aparecen moitas fontes que podemos relacionar con case todas esas bandas polas que pasaron ou aínda están os tres músicos, tamén no caso das letras combativas e con crítica social.

'Demasiado' (RequeSound, 2022) é o seu primeiro traballo longo de estudio, tras un primeiro EP en 2017, 'Igual es diferente'. O novo disco, con 8 cancións cantadas en castelán ou galego foi gravado no estudio Pousada Sons e xa está dispoñible en plataformas dixitais así como en formato físico en vinilo. Sete dos temas son composición propias de zapata, ás que hai que engadir 'O que non se sabe', unha reconstrución dun tema orixinal de Fran Pérez, NARF. 'Demaisado' é ademaisd a primeira referencia do novo selo RequeSounds Records, creado desde a Asociación Cultural RequeSound, responsable tamén do portal de información musical do mesmo nome. O disco de Radio Zapa! preséntase co videoclip de 'Profesional', segundo corte do álbum. O vídeo é unha realización de Alfredo Pérez Sánchez. Unha das primeiras citas en directo para ver a Radio Zapa! presentando este traballo terá lugar o vindeiro día 9 de abril, en Rianxo, durante a festa da Chuvia.
Ligazóns