O disco dos composteláns Ruxe Ruxe aposta polo estilo "bravú"

Xente sen medo

"Ata a aboa cando muxe escoita radio ruxe". Así di unha das letras deste grupo, Ruxe Ruxe, que segue a se autodenominar bravú cando o termo xa semella ter esgotado a algúns dos seus creadores. Estes nove músicos da comarca compostelá presentan nestas datas o seu novo disco con toda unha declaración como título "Non temos medo" (Clave Records, 2000). O seu anterior traballo, o primeiro da súa carreira editárono en 1999 con título homónimo do grupo Ruxe-Ruxe. Dos catorce temas que compoñen "Non temos medo", todos agás un son composicións asinadas polo cantante, Víctor Neira. O grupo apoia as súas pezas na forza das guitarras eléctricas, no pulo dun acordeón incansable manexado por Sebas Méndez "O neno", e na achega doutros instrumentos como o violín, a gaita, a pandeireta e a frauta todo elo sen forzar a adaptación duns sons con outros.