Alén da Rianxeira: A vila das cancións

O Cancioneiro escolar uxente de Rianxo ilumina a historia desta localidade a través do seu patrimonio sonoro

O <i>Cancioneiro escolar uxente de Rianxo</i> ilumina a historia desta localidade a través do seu patrimonio sonoro
Banda de Taragoña. Arquivo Franciso Ces Lorenzo. Fonte: Cancioneiro escolar urxente de Rianxo. Vol.II
Historias de cancións que son tamén a historia dunha vila. O Cancioneiro escolar urxente de Rianxo publica este mes de marzo na rede o seu segundo volume. Para alén de rescatar as curiosas conexións que posúen melodías populares con feitos históricos locais, o proxecto pon de relevo o papel fundamental da escola na transmisión do noso patrimonio sonoro.

O pasado 25 de febreiro presentábase ao público o segundo volume do Cancioneiro escolar uxente de Rianxo, unha obra singular que repasa a historia sonora desta vila e chega agora á rede. O traballo non é unha compilación ao uso de cantigas populares, senón que nace coa vocación clara de empregar o patrimonio como base para a aprendizaxe musical ao tempo que facilita a transmisión do mesmo entre xeracións. A proposta de realizar este cancioneiro xurdiu do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo, que correu coa publicación. "A intención foi compilar este material e poñelo a disposición do alumnado máis novo para que poida continuar vivo e se manteña a cadea de transmisión propia do folclore", explica José Luís do Pico Orjais. Este docente de música e investigador asina o título que, no entanto, reivindica como un traballo colectivo. "Non me gustaría que pareza un traballo que é só meu, é de moita xente. Participan informantes e persoas ás que acudo para que me acheguen datos. Ningún cancioneiro tradicional é unha obra de autor", advirte.

O folclore como libro de texto
O feito de compilar o folclore musical do lugar onde traballa non é algo novo para o autor. Na súa experiencia como docente sempre apostou polo emprego do material da tradición local como base para a aprendizaxe. "Coa riqueza cultural que temos en Galicia, de seguirmos o currículo a nivel musical como o doutras materias, os nosos nenos en Taragoña cantarían as mesmas cancións que un neno da Coruña ou de Lugo", advirte, a apuntar que "en trinta anos a dar aulas eu nunca utilicei un libro de texto, emprego as cancións e o folclore que me achega o alumnado e outros temas e materiais que considere interesantes a partir dese núcleo. Penso que o sistema dá bos resultados, vin pasar moitos antigos alumnos que me lembran esas cancións", lembra. A seguir este esquema, "cando comecei a dar aulas en Rianxo, hai uns quince anos, púxenme a facer traballo historiográfico e a ver que materiais había compilados. Aí atopei que, fronte ao que se poida pensar, o concello non ten unha grande presenza nin nos grandes cancioneiros galegos nin no material recollido polas agrupacións folclóricas", explica. "Naquel momento comecei a tentar recoller pezas". As avoas do alumnado do CEP Xosé María Brea Segade de Taragoña e mais as propias persoas que participaban das aulas da UNED Senior, para maiores de 55 anos foron achegando unha selección de pezas entre as que se seleccionaron as que fan parte do Cancioneiro Urxente.


As cancións vivas
Alén do emprego nas aulas, tampouco o traballo coas compilacións de cancións tradicionais é novo para este investigador, que no entanto recoñece que este proxecto foi moi diferente a outros. "Levo moitos anos a editar cancioneiros. Cos que traballei, como o de Marcial Valladares, son de persoas que fixeron o seu traballo no século XIX. Pero con este proxecto tiña a posibilidade de falar con moitos dos protagonistas das cancións, que as viviron no seu contexto orixinal ou sabían a historia das cantigas. Con temas como Lela ou A Rianxeira puiden facer aínda un traballo case xornalístico sobre o xeito no que se crearon estas cancións e o seu contexto". Segundo apunta "hoxe cantamos versións sensiblemente diferentes de como foron compostas, e parecíame importante que tanto nenos como adultos, ou as persoas das agrupacións folclóricas que cantan ou bailan un tema, soubesen a orixe do mesmo, quen foron os seus autores e protagonistas ou en que contexto se cantaba. Moitas veces nun cancioneiro dáselle moito valor ao puramente musical e esquecemos toda a historia que hai detrás de cada peza, que é para min realmente o que lles dá valor, o xeito no que o tema foi parte da sociedade e a importancia que tivo".

Un cancioneiro diferente
A seguir esta perspectiva, alén das letras e partituras das cantigas, os dous volumes desta obra supoñen unha xanela á historia de Rianxo e mesmo de Galicia. O autor investiga a orixe de cada unha destas pezas e ilumina o seu significado e contexto. Así atopamos cancións vencelladas ás carreiras entre unha lancha de Rianxo e outra de Vilaxoán pola ría de Arousa adiante no final dos anos 40. Ou descubrimos a adaptación dunha danza tradicional vasca á costa galega nos tempos da Sección Feminina da Falanxe. Canda a estas, aparecen na obra historias como a especial relación que a familia Martelo tiña cos seus animais no primeiro terzo da centuria. Tamén como un bandoleiro de comezos do século XX se vencellou ao Entroido local ou o xeito no que os coros relixiosos acabaron coa tradición dos maios. Canda a estas, a obra recolle moitas outras curiosidades, como a versión inicial da Rianxeira, sen o protagonismo da Virxe e nacida para homenaxear a Castelao cando chegou a Arxentina. Tamén casos curiosos como a adaptación popular da melodía dun filme do Hollywood dos anos 40 para facer unha canción reivindicativa.

Tradición
No traballo de compilación "foron saíndo moitas cancións que hoxe son populares en Rianxo". Dentro das seleccionadas, poden atoparse cancións que "están moi vivas e segue a cantalas o pobo, sobre todo a xente de máis idade, algunhas relacionadas co mundo do mar e outras vencelladas ás aldeas do interior" deste territorio. Nos dous volumes "hai música de tradición, popular e de autor. Tentamos que a obra fose un cancioneiro real do que é a vida musical dunha vida". Dentro das primeiras, o autor destaca a presenza de pezas vencelladas ao ciclo anual, que deron pé a recuperación de tradicións esquecidas no Concello. "Atopamos cantos do maio, que agora recuperamos da man do alumnado da escola, algunha canción vencellada ao Entroido local e as prosas de Nadal". O profesor recoñece que este tipo de pezas "son as que consideramos máis interesantes para os escolares porque nos permite ao longo do ano cantar as cancións que fan parte dese ciclo". Precisamente un dos ámbitos nos que o Cancioneiro Urxente amosa o seu potencial é na recuperación das Prosas, xeito en que se coñecen no concello os Cantos de Reis. Canda a elas, o proxecto compilou foliadas ou muiñeiras, "que se recolleron fundamentalmente a avoas e a persoas maiores que no seu dia asistiron a seráns e ao que era a festa popular e tradicional".

As cancións emblemáticas
Alén das propostas mais tradicionais, boa parte do Cancioneiro Escolar Urxente está dedicado ás cancións emblemáticas, "que son as mais coñecidas de Rianxo, como pode ser A Rianxeira, Lela, ou o Paxaro Pinto". A explicar esta denominación, Do Pico sinala que "emprego o termo música emblemática como o facía o musicólogo Josep Martí, que o aplica ás cancións que nos identifican como sociedade". A distingir os termpos, apunta que "para min a música tradicional é o que nos define como pobo, o que ten o noso ADN musical. Moitas veces non son as cancións máis coñecidas, mentres que a emblemática é aquela música que nos identifica. Son diferentes e é algo que acontece en todo o mundo". Son casos como o Que viva España e o Porrompompero, ou, en Galicia, o Negra Sompra, Lela, ou a Muiñeira de Chantada. Malia a seren as máis coñecidas deste repertorio popular "sobre a súa orixe e de onde proveñen ás veces as propias persoas informantes non tiñan as cousas moi claras. Había tópicos arredor delas que me parecía interesante aclarar". Deste xeito, o segundo volume, que ve agora a luz nas redes, presta máis atención a cancións de autor "que fixeron parte da vida rianxeira nalgún momento". Xorden aí nomes de compositores que animaron a música local na segunda metade do século XX como o guitarrista e director de formacións de tipo popular Manuel Vicente Chapí, ou Xosé Ramón Nine Piñeiro.

A Rianxeira orixinal
Dentro destas, é inevitable falar do caso da coñecida como Rianxeira (orixinalmente titulada Ondiñas da nosa ría e composta por Anxo Romero e Xosé Frieiro), que "triunfa cando foi asumida pola Sección Feminina", segundo explica o investigador. "A letra orixinal que se fixo en Arxentina para Castelao a falar das mulleres rianxeiras seguramente non pasase de canción local, pero o arranxo que fixo dela unha canción mariana coa Virxe de Guadalupe como personaxe principal foi o que lle deu o éxito". Foi o coro compostelán Rosalía de Castro (agora Cantigas e Agarimos) quen en 1952 lanzou o disco coa versión que se máis se coñece na actualidade. O álbum "vendeu unha cantidade de exemplares que penso que nunca se dera antes dun tema en galego, foi unha canción moi mediática".

De Hollywood a Rianxo
Á hora de destacar outras das pezas que máis lle resultaron rechamantes no proxecto, sinala que "no primeiro volume hai unha canción dunha avoa que poida que á xente non lle pareza tan importante. Fala sobre a falta de pan na época do racionamento e emprega unha melodía, A raspa que naquel momento se fixo moi popular e que saíra dunha película", máis concretamente de Fiesta (1947) de Richard Thorpe, protagonizada por Esther Williams e Ricardo Montalbán. "A partir desa música fíxose unha canción con moito contido social algo camuflada, a falar de que o pan do racionamento non chegaba a nada". A informante é unha das tres ás que se lles dedicou o segundo volume do cancioneiro "colaborou con nós o ano pasado en plena pandemia e, canda a outros dous informantes, morreu ao longo deste ano".

O ano do Paxaro Pinto
Outra peza que chama a atención pola súa historia é a coñecida como O paxaro pinto, que fala do esgotamento dos cartos gañados nunha temporada especialmente boa de pesca, na que se deu unha auténtica febre pola sardiña. "Sabiamos que había unha taberna que se chamaba así, e dicíase que máis ou menos na época na que se comezou a cantar había abundancia de sardiña, pero ninguén sabía o ano concreto. Entón a través da estatística oficial comprobamos cales foran os anos nos que máis houbo naquela época e puidemos datar a canción" nos anos 1940, 44 ou 45, explica Do Pico. "Impresionoume descubrir como a xente maior sabía dicir onde estaba a taberna e todo o que pasou cos cartos que se gastaban de xeito compulsivo por parte dos mariñeiros, nas tabernas e nas casas, sen previsión de aforro. É tamén a idiosincrasia de moitos pobos mariñeiros ese aproveitar o momento e vivir un pouco ao día".

Nova perspectiva
O traballo que desenvolveu a compilar o Cancioneiro Urxente levou a este investigador a mudar a súa perspectiva. "Cambioume o paradigma. Como case toda a xente que vimos da música tradicional e traballamos con cancioneiros, tendemos a considerar como a nosa materia de estudio a música de tradición oral e ambiente rural. Adoitamos evitar as músicas urbanas, pero para facer un cancioneiro no século XXI cómpre mudar esta idea. Para min a música máis viva ao longo do século XX, mesmo desde un punto de vista folclórico, foi a urbana e a das vilas. Foron pezas que sufriron a reelaboración comunal, foron asumidas pola xente e cantadas de xeito masivo nas tabernas, nas festas e onde fose, e iso vese moi claramente en Rianxo". Para este investigador, a importancia acadada por este tipo de pezas tivo tamén un certo efecto sobre a visibilidade doutras músicas. "Vilas con elites culturais e personaxes como Arcos Moldes, que foi un grande pedagogo e dinamización cultural, o propio Castelao ou Dieste, tiveron unha importancia cultural tan grande e déronlle tanta sona á vila que iso ocultou todas as outras culturas tradicionais e as das aldeas, que quedaron en segundo plano".

As relacións entre música urbana e a tradicional
As relacións entre esas dúas músicas póñense de relevo a través de diferentes casos nos dous volumes da obra. "Vese por exemplo como Arcos Moldes, que fixo un traballo extraordinario a nivel cultural e asociativo, influíu moito na música do Entroido. No seu tempo mantíñanse formas tradicionais nestas festas, había a figura tradicional do oso cun domador ou tocadores de cana", un instrumento de percusión tradicional. "Pero a el todo aquilo lle parecía unha barbaridade e introduciu as comparsas burguesas con guitarra, violín ou frauta. Contou con compositores como o noiés Paz Carvajal, para facer a música desas comparsas e aí saíron pezas como Brisas rianjesas. Iso deu pé a que na vila as comparsas adquirisen unha importancia extraordinaria, pero todo o Entroido tradicional quedou oculto", explica. "Cos Maios pasou o mesmo. A agrupación das Hijas de María tomaron de man o que era a celebración tradicional e transformárona nunha homenaxe á Virxe con coros que cantaban a María, e con iso os maios desapareceron. Quedaron restos como o maio que recolleu Echevarría Bravo, director da Banda de Música de Santiago, nos anos 50 ou informantes como Dalia Triñanes que nos deu unha letra que recordaba de cando nena".

A danza tradicional que veu de Euskadi
Algo similar aconteceu coas danzas mariñeiras de Rianxo, que na realidade "créanse na posguerra da man de dous personaxes fundamentais, María del Socorro Fernández Iglesias Maruchi, directora da Sección Feminina, e José Carnero Valenzuela, boticario que fora represaliado polas súas ideas republicanas. Entre os dous crearon unha serie de danzas que hoxe pasan por tradicionais ou mesmo gremiais e que na realidade foron feitas por eles para esta agrupación". Do Pico defende no entanto que "isto non ten nada de malo, simplemente eran coreógrafos. Maruchi, que morreu este ano, contábame nunha entrevista que lle fixera hai tempo que algunha das danzas lla ensinara unha compañeira da Sección que era vasca nun dos encontros de formación que tiñan". A cuestión para el vén despois cando "houbo coreógrafos galegos que vían danzar os grupos de Rianxo e logo incorporaban iso aos seus propios grupos. Cando vemos unha danza feita por estas agrupacións hai que ter a cautela de pensar de onde vén".

Innovación e impacto
Do máis recente lanzamento da obra reivindica que "este segundo volume desde o meu punto de vista achega mais novidades metodolóxicas. Fai unha proposta do que penso que poden ser cancioneiros de tipo didáctico, cunha transcrición musical adaptada para que poidan ser lidas ou interpretadas desde a escola infantil ata ESO". Na vontade de popularizar este legado, Do Pico sinala tamén a necesidade de apostar por formatos populares. "Tentamos que fose unha edición pouco custosa, non queriamos que saíse só un ano e se esgotase o financiamento. A idea inicial era sacar tres volumes, pero agora mesmo non podo dicir cantos sairán ao final". Para alén da edición física, todo o material das obras, a incluír vídeos, audios e exercicios están dispoñibles en aberto na rede. Afeito ás publicacións máis eruditas sobre a tradición musical galega, o autor ficou sorprendido pola recepción do Cancioneiro Urxente. "Pensaba que ía quedar como algo local, pero houbo moito interese por parte de xente moi variada, peticións de información ou solicitudes de presentacións. Tamén houbo grupos, como Ailá, que incorporaron ao seu repertorio versións de temas que están na obra, e xente que fai estudos e incorpora datos deste traballo".