Escena Galega comeza a celebrar o seu XX aniversario homenaxeando tres compañías históricas

Ancora Producións, Lagarta, Lagarta e Tanxarina Títeres serán as protagonistas dun recoñecemento

24/3/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculos
57 lecturas | Compartido 0 veces

Ernesto Chao na obra de Lagarta, Lagarta 'O segredo dos Hoffman' (2009)

A asociación Escena Galega, que reúne a 52 empresas de artes escénicas do país, celebra este mes de marzo o vixésimo aniversario da súa creación como refernecia representativa do sector, en 2002. A efeméride motivará ao longo do ano unha serie de actividades como celebración, moitas aínda por concretar. A primeira delas será un Acto de Recoñecemento de Socias de Honra que terá lugar o vindeiro luns 28 de maio no Auditorio de Galicia. As compañías teatrais Ancora Producións, Lagarta, Lagarta e Tanxarina Títeres serán as protagonistas deste recoñecemento por parte do resto dos membros da asociación, pola súa indubidable traxectoria profesional e artística e polo seu traballo en prol da dignificación do sector escénico profesional galego, especialmente dende a propia asociación, asegura Escena Galega nun comunicado. Lagarta, Lagarta e Ancora producións foron as compañías creadas polos finados Ernesto Chao e Gustavo Cora, respectivamente. Tanxarina Títeres, de Redondela, leva case 40 anos de actividade profesional continuada.

Nova directiva
Esta celebración do aniversario é unha das primeiras accións que correrá a cargo da nova directiva da asociación, que na última Asemblea Xeral en febreiro votou unha nova listaxe directiva presidida por Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro) que colle o relevo da anterior, que levaba a Juan Rodríguez (Caramuxo Teatro) á cabeza. Este novo grupo asumirá as responsabilidades motrices da asociación nun mandato que se estenderá ata 2024. Completan a composición da nova equipa directiva Patricia de Lorenzo (Grupo Chévere) como vicepresidenta; Eva Triñanes (Charlatana) encargada dos labores de secretaría; Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro) como tesoureiro; Belem Brandido (Pistacatro), Jorge Rey Rivas (Títeres Cachirulo), Eva Alonso (Teatro do Noroeste), Paula Quintas (Paula Quintas-Cía) e Juan Rodríguez (Caramuxo Teatro) como vocais.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

19/10/2010

A vida como proba

Lagarta Lagarta reflexiona sobre os cástings no seu último espectáculo

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego