Aquí medra a lingua viaxa á procura da dinamización do galego nas escolas

Os documentais publicaranse cada luns no web do Consello da Cultura Galega

Os documentais publicaranse cada luns no web do Consello da Cultura Galega
Hoxe pola mañá presentouse no IES Perdouro de Burela (Lugo) o proxecto documental Aquí medra a lingua, un conxunto de audiovisuais concibidos pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e realizados por Cristina de la Torre que exploran como seis centros educativos do país desenvolven programas de apoio e dinamización á lingua galega. Con este proxecto, o Consello da Cultura Galega quere amosar diferentes estratexias de promoción da lingua do país en espazos xeográficos moi distintos, desde ao norte ao sur do país, con diferentes modelos e contextos sociolingüísticos e demográficos. Os documentais, sempre inferiores aos 10 minutos de duración, veñen acompañados con fichas que resumen as accións levadas a cabo e o seu impacto, pensadas para poder ser postas en práctica por outros centros. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega presentou esta mañá en Burela o primeiro dos seis documentais, que aborda un dos programas máis veteranos e de máis impacto da dinamización lingüística: o "modelo Burela". O resto dos documentais serán emitidos os vindeiros luns no web do Consello da Cultura Galega e no Youtube.