O festival poético 'Alguén que respira!' recupera o seu formato

Catro xornadas reunirán en Santiago voces diversas baixo o lema "Corpos, disidencias, desexo"

'Alguén que respira!', o festival de poesía de Santiago de Compostela, chega á quinta edición recuperando o seu modelo orixinal de catro xornadas consecutivas de programa. E faino, ademais, readaptando as propostas monográficas que se ensaiaron na última edición cun lema central vertebrador: "Corpos, disidencias, desexo". Baixo ese lema, o programa reunirá en na capital galega a boa parte das persoas que de maneira máis activa abordaron a cuestión identitaria ao longo das últimas décadas. Trátase dunha oportunidade para escoitar voces e corpos de disidencia como Elizabeth Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Carlos Callón, Luís Muñoz, Alberto Mira, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes ou Daniel Asorey, entre outros.

O festival inaugúrase cun recital onde conflúen distintas linguas ibéricas. Será o día 18 de marzo, venres, no Teatro Principal de Santiago, nun recital coas voces do portugués António Barahona, a catalá María Cabrera, a galega Ana Romaní e a vasca Miren Agur Meabe, recente Premio Nacional de Literatura. O sábado 19 será a quenda de Luis Antonio de Villena, María Castrejón, Carlos Callón, Daniel Asorey e Antom Fortes. Para pechar a xornada, celebrarase un concerto de Projecto Mourente, previsto para o pasado 21 de decembro e cancelado por problemas de Covid-19. O Respira! recupera agora a Mourente (que fará versións musicais de distintos poetas galegos) ao igual que a Rodrigo Cuevas, encargado de pechar o programa do domingo día 20. Ese día, o festival reunirá, ademais de Cuevas, a Luís Muñoz, Elizabeth Duval, Paula Luís, Xavier Queipo e Teresa Moure. O programa conclúe o 21 de marzo, Dia Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto 2022 a cargo de Antón Reixa e dous recitais. O primeiro forma parte do proxecto "Atravesei a cerca", que propón visitas por espazos pouco frecuentados do Teatro Principal, a través da voz dos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Susana Sánchez Aríns, Marga Tojo e Claudio Pato. Sobre o escenario, recitarán, posteriormente, Blanca Haddad e Andrea Nunes, mentres que o poeta Jesús Castro desenvolverá unha proposta de exploración poética, encargo do propio festival.

Cafés de reflexión pola mañá
En paralelo aos recitais, o Respira! bota de novo man dos cafés-conversa, que se desenvolverán no Principal polas mañás como foros de reflexión. Neles, participan Alberto Mira, Paulo Filgueiras, Beatriz Suárez Briones e Elizabeth Duval. O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O Concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.