O Salón do Libro acollerá máis de trescentas actividades ata o 27 de marzo

Julia Lago foi seleccionada para a primeira residencia artística Nexo do evento pontevedrés

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
O Salón do Libro acollerá máis de trescentas actividades ata o 27 de marzo

Coa arte como eixe temático, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra anunciaba este 1 de marzo o programa da súa vixésimo terceira edición. Entre os días 11 e 27 trescentas actividades encherán a cidade de propostas para animar á lectura e ao interese pola creación artística. Euskadi aparece como cultura convidada nunha xeira que homenaxea a Marica Campo e Xosé Covas.

Do programa, a concelleira de Cultura Carme Fouces destacou o espectáculo inaugural "deseñado en exclusiva para o Salón" con María Lado, Lucía Aldao, o Seminario Permanente de Jazz, pintura ao vivo e outras colaboracións. Canda a isto salientou o décimo aniversario do espectáculo fíos de Baobab Teatro, a presenza de Marcel Gros, o espectáculo Nudos de DaTe Danza, o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, os 30 anos de Migallas, o RockLab, ou a clausura con Pesdelán. Nesta xeira o evento aposta por un retorno total á presencialidade, e ten xa as súas entradas dispoñibles.

De xeito paralelo ao programa, como é habitual, celebrarase o IV Congreso Internacional de Mediación Lectora, que contará cunha especial presenza de relatorios sobre a ilustración ademais de conferencias sobre a narrativa nos videoxogos ou a literatura oral.

Entre as novidades da edición está a convocatoria da residencia artística Nexo para elaborar un mural nas proximidades da sede do Salón. A que foi gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada, Julia Lago foi a seleccionada entre as dezaoito solicitudes que recibiu a organización desde diferentes lugares de España. A autora disporá de quince días de residencia e contará co apoio do alumnado do bacharelato de artes da cidade para elaborar unha obra "que xirará arredor da creatividade xuvenil e dos valores que quere transmitir O Salón 2022".

Que che parece esta nova?
88 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Marica Campo, Euskadi, Pontevedra, Espectáculo...