Siniestro Total sáese das estradas pero non para a música

A banda asegura que o 9 de maio será a súa despedida definitiva dos escenarios

Para Siniestro Total non era o mesmo durmir que estar durmindo (como dicían en 'Camino de la cama') e agora non é o mesmo deixar de facer concertos que deixar de facer música. Nunha rolda de prensa celebrada onte en Madrid, unha das máis grandes e prolíficas bandas de rock da historia de España aclaraba (ou non) os termos do que será o seu derradeiro concerto, o de despedida dos escenarios coincidindo co seu 40 aniversario de existencia. Julián Hernández e Javier Soto acudían ao encontro cos medios acompañados de Miguel Costas, ex-vocalista da banda (deixouna en 1994) para promocionar e contar o que vai pasar o vindeiro 6 de maio no Wizink Center da capital española, que se presente coma o "derradeiro concerto" baixo o nome "40 Años sin pisar a Audiencia Nacional".

Nesa cita, pensada inicialmente para celebrar o aniversario, vaise levar a cabo unha liturxia de despedida dos directos para a formación, segundo os membros da banda. O avance dos anos e as complicacións deste período pandémico semellan ter precipitado a decisión de deixar de patear as estradas e subir aos escenarios a executar o seu potente repertorio de punk rock que levan defendendo desde 1981 con algúns dos himnos máis coñecidos en todo o territorio español. O concerto promete un reencontro e despedida á altura da súa traxectoria, reunindo aos 8 músicos aínda vivos (Germán Coppini sería o noveno) que formaron parte do grupo ao longo dos anos. Hernández asegurou unha boa coda con ata 40 temas a interpretar para a ocasión. Pero para Siniestro Total deixar de lado as xiras e os concertos non é o mesmo que desaparecer, aínda que poida ser moi parecido. A única separación que aseguran e a da simbólica (e real) furgoneta. Na súa comparecencia non desbotaron manter a actividade discográfica, co cal a marca Siniestro Total, non entra realmente no depósito de despece nin deixa de ser un ente musical vivo de cara a o futuro, o que fai sospeitar que talvez o derradeiro concerto, malia que eles o desmintan, podería converterse no último dun longo ciclo.