Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume

O terceiro disco en solitario do intérprete conta con Luíz Peixoto, Rodrigo Romaní ou Pancho Álvarez

Vagalume, terceiro disco en solitario de Álvaro Iglesias, continúa a aproximación á música tradicional galega desde o contrabaixo solista. A seguir a liña que iniciou con Alma en 2018, desta volta o intérprete dálle un especial protagonismo aos nomes convidados nestes dez novos temas tirados da tradición.

Xota de Riotorto, Pasarrúas de Os Trintas de Trives, Canto de Roberdochao ou Foliada dos Moreno e Luxán son algúns dos temas que se reinterpretan no novo álbum.

Colaboracións de luxo como Xosé Liz, Luíz Peixoto, Rodrigo Romaní, Natalie Hass ou Pancho Álvarez achegan as súas propias sonoridades a arroupar o instrumento principal de Iglesias no álbum que publican Zouma Récords e Inquedanzas Sonoras.

O contrabaixista ten publicada na rede un vídeo de promoción no que se lle pode ver a tocar Acuneiriña no Mosteiro de Carboeiro canda a Xosé Liz á frauta. Liz, canda a Peixoto, serán os encargados de acompañar a Iglesias na xira de presentación deste proxecto, prevista para os vindeiros meses.