A noite que Aller Ulloa foi guía científico e espiritual á vez

O músico Benxamín Otero recrea nun tema instrumental a anécdota do astrónomo lalinense en 1938

O músico Benxamín Otero recrea nun tema instrumental a anécdota do astrónomo lalinense en 1938
Benxamín Otero
Ramón María Aller
Ramón María Aller
Fai 84 anos, tal día coma hoxe, un fenómeno atmosférico pouco habitual puido verse en Galicia e noutras rexións de Europa: unha aurora boreal dunha cor vermella intensa tinguía o ceo nocturno. Corría a noite do 25 de xaneiro de 1938 e o país estaba ademais metido nunha cruenta guerra civil. O extraordinario do fenómeno nestas latitudes e as circunstancias do momento levaron á intranquilidade a moitos paisanos que lle atribuían incluso connotacións relixiosas apocalípticas. En Lalín, moitos deles acudiron a consultar ao sabio que tiñan máis a man, que era o astrónomo e párroco D. Ramón María Aller. El encargouse de tranquilizalos e explicarlles a natureza do que estaban a presenciar nos ceos galegos. O científico ademais tomou as súas anotacións e fixo debuxos sobre a pouco habitual aurora boreal, que quedaron para a posteridade. Tomando esta anécdota como base, outro lalinense, o músico Benxamín Otero, ven de levar a cabo un proceso creativo de composición e gravación dun tema instrumental de 13 minutos de duración que leva por título 'Aurora e Aller'. O traballo en solitario está apoiado polo fondo O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e o artista ven de aproveitar o aniversario da efeméride para presentar o vídeo.

Benxamín Otero é mestre de óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín. Con formación clásica, ten participado en proxectos de música tradicional e doutros xéneros, colaborando tamén con formacións como Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, etc. Otero ten tamén experiencia no traballo co mundo audiovisual, compoñendo bandas sonoras para vídeos comerciais, curtametraxes ou documentais, así como para producións teatrais, a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico pero sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía. A elección deste suceso para elevar adiante este proceso creativo viu motivada pola fascinación. "Desde o momento que coñecín esta historia fascinoume", asegura, "sobre todo me chamaba a atención o contexto. Tratábase dunha anécdota que ademais de fermosa me permitía falar dun montón de cousas por ese contexto de escuridade, da Guerra Civil e de como algo que nos pode causar moito medo inicialmente pode transformarse nalgo cheo de beleza que nos produza admiración".

A peculiaridade lalinense deste fenómeno que puido verse en moitas partes de Europa e Äfrica foi, para o músico, que na localidade pontevedresa "había un astrónomo que ademais era un relixioso, moi achegado á xente do pobo, que puido acudir a el buscando unha explicación", comenta, "non sei tanto se científica coma espiritual" referíndose ás dúas facetas de Ramón Aller. "Eles pasaron do medo a gozar do fenómeno", asegura referíndose á testemuña que no seu propio vídeo engade dunha muller que estivo presente aquela noite, Elisa González Alvarellos. O vídeo de Benxamín Otero inclúe tamén unha biografía de Aller Ulloa e unha descricións das anotacións que fixo sobre o fenómeno desa noite, así como as declaracións desta testemuña. Outro vídeo, feito hai un ano desde a publicación DZ Dixital, lembra tamén ese momento incluíndo as declaracións de Jopsé Ángel Docobo, director do Observatorio Aller Ulloa da USC, que amosa as anotacións e debuxos feitos polo sabio astrónomo aquela noite.



Pontes entre a ciencia e a arte
Para Otero, tras de documentarse, o xeito en que Aller Ulloa describe nas súas anotacións do fenómeno é "científico pero case poético" incluíndo algunhas desas notas no seu video. Esa característica entre ciencia e poesía foi moi importante, segundo o artista, para a súa liña creativa nesta composición. "Eu non son científico, a vida levoume por outro camiño, pe5ro sempre crin moito en establecer ponte de comunicación entre diferentes áreas", afirma" creo que achegarnos ao científico desde o punto de vista artístico pode abrirnos moitas perspectivas. Creo que hai un campo de exploración aí moi interesante". O lugar onde o astrónomo tivo a súa casa e observatorio, alí onde acudiron os veciños a consultalo naquela noite, foi o lugar elixido polo artista para levar a cabo a gravación da súa composición o pasado mes de setembro. Hoxe ése e o emprazamento do Museo Municipal de Lalín. O artista usa diferentes instrumentos electrónicos e analóxicos mesturándoos. Sintetizador analóxico, guitarra eléctrica, corno inglés e unha caixa de música son as ferramentas deste tema de Benxamín Otero que homenaxea ao sabio e ao momento no que se viviu ese fenómeno que tamén tivo o alcume de "aurora da Guerra Civil".

A peza instrumental, ao longo dos seus trece minutos pode distinguirse internamente en tres seccións. Unha primeira serviría para contextualizar a situación: unha fría noite invernal de xaneiro, nun pais metido nunha cruenta guerra civil tras un golpe de Estado militar. "Frío, escuridade, incerteza e medo", dí Benxamín. A parte central desta 'Aurora e Aller', "a máis melódica" responde segundo o artista a unha descrición musical do perfil de Ramón Aller. "É como eu o imaxino: unha persoa científica, pulcra, detallista. Pero á vez cercana ao pobo e espiritual", describe. A sección final da peza busca reflectir coa música o propio fenómeno visual, a aurora boreal. "intento describilo como algo caótico e estridente que pode xerar confusión pero pouco a pouco vaise transformando en algo bonito", comenta o músico. A intención agora é que este tema medre en espectáculo que o artista poida defender en directo e en solitario, tal e como foi gravado.