O Centro Internacional da Estampa de Betanzos loita polo recoñecemento e difusión desta forma de arte

Central da estampa

Betanzos quere ser un centro mundial da estampa. Xa pasaron case vinte anos desde que Jesús Núñez comezou a pular por difundir este tipo de arte desde a comarca. Desde entón, cursos, exposicións e todo tipo de actividades deron na creación do CIEC, o Centro Internacional da Estampa Contemporánea.

Desde os seus afastados tempos de estudiantes de Belas Artes entre Madrid e Alemaña a comezos dos anos cincuenta, Jesús Núñez estivo interesado nas técnicas de estampado. En 1970 fíxose co primeiro premio nesta categoría na Exposición Nacional de Arte Contemporánea, logo de amosar os seus traballos en diferentes mostras de carácter internacional. A súa afección levouno en 1985 a dirixir no seu Betanzos natal o primeiro Curso Internacional de Gráfica, en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Pouco a pouco aqueles cursos foron consolidándose e Núñez ampliou os seus obxectivos. En 1997 nacía a Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea, unha entidade que ten como obxectivo difundir este tipo de arte tanto entre os creadores coma entre o público en xeral, e prestándolle unha especial importancia ás obras creadas con esta técnica na segunda metade do século XX.

Espacio
A Fundación CIEC ten a súa sede nun antigo edificio modernista, a Casa Núñez, situado no casco antigo de Betanzos. A súa función orixinal foi acoller os primeiros grandes almacéns comerciais do país, polo que o local dispón duns espacios amplos e luminosos. Na actualidade o baixo alberga as salas para obradoiros, nas que hai desde máquinas de impresión ata laboratorios fotográficos ou ordenadores para realizar obras infográficas. Tamén se atopa neste edificio o Museo Internacional da Estampa, a sala de exposicións temporais, unha tenda e unha cafetería.

Obras para ver
Inaugurado en xuño de 2002, o Museo da Estampa Contemporánea acolle unha colección de obras gráficas de todos os profesores e artistas que impartiron os cursos de verán que organiza a fundación, así coma unha selección de obras dos alumnos que participaron nestas actividades desde 1985. Ademais, poden verse gravados de autores coma Picasso, Matisse ou Chagal. Un espacio total duns douscentos metros cadrados, que se ampliou coa apertura da Sala Luís Seoane, construída nun anexo e na que se poden ver máis de cen obras do xenial artista galego.

Obras para facer
Os obradoiros do CIEC acollen cada ano unha boa cantidade de alumnos que, ben nos cursos de verán, ben nos que se imparten ao longo de todo o ano, aprenden diferentes técnicas para a creación de gravados. Desde fotografía aplicada ás artes gráficas ata o gravado sobre pedra e metal, o traballo con imaxe dixital e as diferentes técnicas de impresión, as máis diversas técnicas aplicables á estampa son impartidas no centro. Precisamente un dos soños do creador do proxecto era manter o centro aberto durante todo o ano, e non só coa duración dos cursos de verán. Na actualidade, e conseguido este obxectivo, están a ultimarse os traballos para organizar o I Master sobre Obra Gráfica, que comezará no vindeiro mes de outubro e prolongarase ata o mesmo mes do 2004. Este curso abordará de novo as máis diversas técnicas de creación gráfica, con varios profesores por módulo que explicarán cadanseu xeito de abordar as diferentes técnicas.

As últimas exposicións
Neste último verán, e ademais dos habituais cursos que imparte o CIEC, están presentes na sala de exposicións temporais deste centro dúas mostras. O traballado surrealismo de Juan Hernández comparte espacio co traballo de Antoni Clave, un destacado gravador que, logo de practicar esta arte durante anos, decidiu nos anos oitenta regalar todas as súas obras e dedicarse unicamente á pintura.

Apoios
Para financiar este xigantesco proxecto, Jesús Núñez conta desde hai varios anos co apoio económico da Deputación da Coruña, que asumiu boa parte do custo das obras do museo e que colabora habitualmente na organización das actividades do centro. Ademais, Núñez preocupouse de conseguir axudas desde o propio concello e da Consellería de Familia, e mesmo buscou o apoio de diferentes entidades privadas, coma empresas de artes gráficas, para conseguir fondos para o seu proxecto.

En crecemento permanente
Entre os proxectos máis inmediatos para o centro está a ampliación do local, restaurando a antiga fábrica de chocolates que ocupa o solar anexo á casa, para ampliar o espacio de exposición permanente. Jesús Núñez vai vendo así cumprido aos poucos o seu soño dun grande centro da estampa desde o que conseguir un maior recoñecemento desta forma de arte ao tempo que sitúa definitivamente Betanzos no mapa artístico internacional.