A música de Vigo loita pola reapertura dos locais municipais de ensaio

A plataforma "Grupos en loita" demanda a volta á actividade dos espazos públicos pechados

Xa vai para dous anos a declaración de pandemia e ese é o mesmo tempo que, malia as variacións de impacto coas sucesivas ondas e os cambios das restricións, levan pechadas as salas públicas de ensaio para músicos do Concello de Vigo. Esta circunstancia, que está a prexudicar a actividade de moitos artistas e grupos da área viguesa, motiva agora a creación dunha plataforma aglutinadora baixo o nome de "Grupos en loita" que lle esixe ao goberno municipal a reapertura destes espazos para retomar a actividade. O peche en anos previos das salas existentes tanto na Casa da Xuventude coma no Castro deixou no aire unha posible continuidade das denominadas Vigosónico, en Valadares, pendentes dunha nova concesión de xestión desde decembro de 2020 e nasque no momento previo á pandemia había inscritos para o acceso case 200 proxectos musicais.

A plataforma 'Grupos en loita', busca agora canalizar esa demanda por parte do sector musical de Vigo, reunindo nela a todo aquel que se considere prexudicado pola situación para dar voz a todas as bandas e artistas locais, moitos deles usuarios de Vigosónico. As súas esixencias pasan por facer volver á actividade todos os espazos municipais agora pechados, toda vez que xa os auditorios e salas privadas están en funcionamento. Así esixen como mínimo a volta a actividade de Vigosónico e o resto dos servizos da casa da Xuventude e o Castro pechados anteriormente na demanda de "unhas salas de ensaio públicas, gratuítas e accesibles a disposición de todas as músicas e músicos vigueses". Fai agora un ano que, segundo explica o comunicado da plataforma, “as usuarias e usuarios de Vigosónico recibiron a mensaxe de que podían por fin ir buscar o seu material, tras meses en condicións de humidade descontroladas, xa que o peche que no seu momento foi temporal sería indefinido”, explican. Aquel anuncio deu lugar a unha recollida de sinaturas contra o feito que acadou máis de 1.500 asinantes pero que non foi respondido desde o Concello.