Reabren as instalacións de VigoSónico que xestionará Juan Rivas

A plataforma Grupos de Vigo en loita sinala falta de orzamento para actualizar os equipamentos obsoletos

Vigosónico abre as súas portas
Vigosónico abre as súas portas
O Concello de Vigo anunciou antonte aos medios de comunicación a reapertura inmediata desde este martes de Vigosónico, despois de 3 meses de peche. Estas instalacións municipais localizadas no Polígono Tecnolóxico de Valadares, ofrecen un servizo a músicos mozos locais como local de ensaio e gravación. O seu peche prolongado desde o inicio da pandemia foi protestado durante estes anos por unha plataforma de músicos locais que reclamaban do Concello a súa reapertura, sinalando como no momento do seu peche había inscritos case 200 proxectos musicais que usaban deste espazo. Segundo comunican desde a Plataforma Grupos de Vigo en loita, os antigos usuarios das salas de ensaio municipais tiveron que saber da reapertura pola prensa, feito que para eles enmárcase nun "capítulo máis da historia de nula comunicación do Goberno local coas bandas, cando non directamente de desprezo e ataques directos". Desde Vigosónico xa publicaron nas súas redes sociais unha mensaxe que invitando ao uso das instalacións: "As portas están abertas e as salas preparadas, así que xa é tempo de voltar aos ensaios", din.

Dende a primeira reapertura das salas de ensaio de Vigosónico a mediados de 2022, o Concello abriu o espazo sen convocar concurso para adxudicalo, unha situación que se prolongou ata principios de febreiro de 2023, cando, unha vez anunciado dito concurso, o espazo pechou sen previo aviso ata que este estivese resolto. Grupos de Vigo en Loita continuou a súa actividade todo este tempo denunciando as condicións do novo servizo e tamén denunciando os peches de concertos en Vigo por parte da Policía local, algo que ocorreu entre outros nun concerto reivindicativo organizado pola propia plataforma en xuño de 2022. O proceso de adxudicación rematouse en marzo. O músico e xestor cultural Juan Rivas, foi o gañador dese proceso de selección que levará a exercer a xestión do equipamento durante tres anos por 255.000 euros en total. Rivas ten no seu haber seis discos editados e dirixe os festivais festivais Vive Nigrán, Solpor Monteferro e Espírito Ribeiro ademais da ICCWeek de Ourense. Dende Grupos de Vigo en Loita protestan polo descenso de 28.000 euros do orzamento anual con respecto ao que tiña o espazo antes da pandemia. Así, a dotación anual ao espazo agora será de 85.000 euros, insuficiente, segundo eles para a actualización dun equipamento "vello e defectuoso, sen renovar dende 2011", aseguran.

A plataforma Grupos de Vigo en Loita xurdiu a principios de 2022 para esixir a reapertura de Vigosónico, ao tempo que sinalaban que a Casa da Xuventude ou os locais de ensaio de Súbete ao Castro, espazos similares, foron pechados durante os gobernos de Abel Caballero na cidade. As céntricas salas de ensaio do Castro pecharon en 2014 para arranxar un problema de goteiras, pero non volveron reabrir.