A primeiros de outubro celebraranse as XV Xornadas de BD de Ourense, con Teddy Kristiansen e Bernardo Vergara como cabezas dun tentador cartel

Quince Ourenses

É o encontro máis veterano de cantos hoxe se celebran en Galicia co cómic como eixe central. As Xornadas de BD de Ourense celebran este ano a súa décimo quinta edición cun programa de actos que abrangue desde o venres 3 ata o sábado 11 de outubro. Baixo un cartel de Manel Cráneo, convócase aos afeccionados á novena arte para as exposicións, presentacións, proxeccións e mercado que constituirán, un ano máis, esta festa do cómic galego e universal.

Ourense ten unha traxectoria crucial no cómic galego das dúas últimas décadas. A iniciativa do Frente Comixario, o labor desenvolvido pola Casa da Xuventude a prol da BD e mais o traballo de diversos autores de renome en activo hoxe en día como Miguel Robledo ou David Rubín, sitúan a cidade das Burgas como unha das capitais das viñetas autóctonas.

Mais as Xornadas de BD de Ourense non só promoven os cadriños galegos. Como nas anteriores convocatorias, o evento organizado pola Casa da Xuventude tráenos autores de fóra que ben valen unha visita. Os protagonistas deste ano son o danés Teddy Kristiansen e o pamplonés Bernardo Vergara. Coa súa presencia, confirmada nesta altura, Galicia poderá gozar de novo da presencia e das obras de dous creadores relevantes no mercado americano e español, respectivamente, que teñen feito bandeira do seu persoalísimo estilo a pesar de traballar no sector comercial da BD.

Os autores
Teddy Kristiansen, nacido en 1964, saltou á fama en 1990 coa historia de Superman “A bomba da paz”, que lle abriu as portas ao mercado norteamericano desde un estilo afastado dos estándares estadounidenses. Ten participado desde entón en miniseries pertencentes a títulos de culto nos EUA como “Grendel: Four devils, one hell” (con guión de James Robinson), “The Sandman Midnight Theatre” (con Neil Gaiman e Matt Wagner) e “House of secrets” (sobre textos de Steven Seagle).

Bernardo Vergara (Pamplona, 1966) é, pola súa parte, un dos máis prolíficos autores no Estado, ben coñecido gracias ao semanario “El Jueves”, onde publicou varias series, como Ismael e Urbano. A editora vasca Astiberri sacou ao mercado recentemente os primeiros álbums de Vergara, recompilando o material feito para esta revista. O seu humor recolle o mellor da tradición da fenecida Editorial Bruguera e actualízao cos temas de hoxe en día.

Exposicións e presentacións
En Ourense haberá ata un total de catro mostras a maiores das de Kristiansen e Vergara. Presentarase o álbum “Freda”, editado pola prestixiosa editora levantina Edicions de Ponent, coa presencia dos seus autores, os galegos Alberto Vázquez e Kike Benlloch, e cunha exposición de orixinais da obra. Poderase gozar das páxinas de “H2OIL”, colectánea de 66 autores galegos sobre o afundimento do Prestige e as súas consecuencias, que foi recentemente publicada polo Colectivo Chapapote. Por outra banda, a mostra titulada “Tebeos: retrato social dunha época” componse de cen orixinais da época dourada da Escola Bruguera e TBO. Finalmente, como vén sendo tradicional, exporanse os traballos gañadores do IV Certame Galego de Imaxe Artística, modalidade Banda Deseñada.

Tres citas máis
Quedan para o final mais non por iso son menos importantes. Manterase ata o último momento o suspense sobre os galardoados cos prestixiosos Premios Ourense de BD, convocados pola Concellería de Cultura xunto coa Casa da Xuventude de Ourense. Será obrigada a visita á Expofanzines, a exposición internacional de fancines que chega á súa edición anual número catorce. E ademais, recuncará o apartado “Cinema e BD”, coorganizado co Cineclube Padre Feijoo. Este contará con varias proxeccións, entre as cales destaca a película surcoreana “Bichunmoo” (Kim Yeong-jun, 2000), unha fantasía épica inspirada nun cómic moi popular en Corea, que foi moi ben acollida pola crítica na súa recente estrea en España.